Escoitar

Unha nova sentenza avala a reclamación ao Concello do Porriño dos 6 millóns da débeda da auga

Os tribunais volven darlle a razón ao Concello de Vigo na súa reclamación do cobro da auga ao Porriño. Tal e como explicou Caballero, unha sentenza do contencioso avala a decisión adoptada en 2023 que actualizaba os custos de mantemento das infraestruturas de captación de auga do embalse de Eiras ata O Porriño.

martes, 12 nov 2024

O alcalde deu conta da sentenza do contencioso administrativo nº2 que inadmite o recurso presentado polo Concello do Porriño contra o de Vigo pola reclamación do cobro da auga. A resolución avala o acordo do Pleno do Concello de Vigo do 29 de marzo de 2023 que actualiza o prezo dos custos de operación e mantemento das infraestruturas de captación de auga do embalse de Eiras ata O Porriño.

Tal e como explicou, este acordo plenario actualizaba as bases de cálculo que existían desde 1998. Ata o ano pasado, reclamábase o custo da amortización da obra e desde aí, o mantemento da infraestrutura.

Caballero lembrou que a débeda ascende xa a preto 6 millóns de euros. Durante algúns anos, engadiu, o Porriño foi facendo pagos pero, o actual goberno local deixou de efectuar estes abonos, optando por xudicializar a cuestión.

O Concello de Vigo acordou a interposición dun recurso administrativo contra a aprobación definitiva dos orzamentos do Porriño ao non ser atendida a reclamación previa, insistiu. “Non pode ser que Vigo pague a traída da auga á veciñanza do Porriño, Vigo non vai pagar os gastos que lle corresponden a o Porriño, de ningún modo”.

 

 

Descargar todas as imaxes