A cidade acolle unha xornada para abordar a catástrofe humanitaria en Gaza
O alcalde presentou este luns o encontro que se celebrará o 16 de outubro baixo o título “Gaza, a catástrofe Nakba” xunto a Lola Galovart da ONG “Hoy por ti” e Raquel Casas de “Juezas y Jueces por la democracia”.
O vindeiro mércores, 16 de outubro, o Concello de Vigo e as asociacións “Hoy por ti” e “Juezas y Jueces por la democracia” organizan a xornada no Auditorio de Afundación para abordar a catástrofe humanitaria en Gaza o ano no que se cumpre o 76 aniversario da “Nakba”, a expulsión masiva dos 700.000 palestinos que fuxiron ou foron expulsados do que hoxe é o Estado de Israel.
O evento contará con destacadas personalidades que abordarán e comentarán a situación actual desde diferentes perspectivas, entre as que están Óscar Camps, fundador e director da ONG Open Arms; o xornalista e escritor Ernesto Ekaizer; Francesca Albanese, relatora da ONU para os territorios palestinos ocupados e Ana Isabel Tomás Tudela de Médicos sen Fronteiras. Josep Borrell, alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidente da Comisión Europea, clausurará a xornada vía telemática.
Abel Caballero destaca que “desde Vigo non queremos ser testemuñas pasivas do que está a suceder, queremos ser activos e ter a involucración persoal e a sensibilidade sobre o que está a pasar no territorio de Gaza”. Ao redor do 80% da poboación de Gaza, de 2,3 millóns de palestinos, fuxiu dos seus fogares desde o comezo da guerra, e moitos tiveron que desprazarse en busca de refuxio varias veces ante os incesantes ataques israelís sobre poboación civil.
En palabras de Lola Galovart da ONG “Hoy por ti”, “temos que visibilizar continuamente a guerra xenocida que se está librando en Gaza (e agora Líbano) contra a poboación civil, sobre todo con nenas/os e mulleres. Este é o obxectivo da xornada. Algo tiñamos que facer para expresar o noso radical repudio de exterminio de todo un pobo. Unha guerra onde os dereitos humanos e o dereito internacional foron lanzados á papeleira. Non os podemos esquecer, nin deixar de falar deles, porque se o facemos, se non esiximos un alto ao lume, se non facemos nada, o mal seguirá triunfando”.
Para Raquel Casas, representante da asociación Juezas y Jueces por la Democracia “se o dereito é concibido como un instrumento para garantir a paz e a seguridade internacional, a guerra necesariamente hai que considerala como un dos máis claros exemplos de fracaso da racionalidade xurídica, xeradora dunha violencia infinita, tal e como ocorre en Palestina, onde a poboación civil se converteu no obxectivo estratéxico da mesma”.
A xornada poderase seguir por streaming na seguinte dirección: www.hoyporti.ong