Coia acollerá "Había unha vez ... O circo de Nadal de Vigo" entre novembro e xaneiro
O 30 de novembro estrearase na cidade o espectáculo que conmemorará o 50 aniversario da chegada á televisión de El Gran Circo de TVE. Gaby Aragón fillo interpretará na carpa de Coia as míticas cancións dos pallasos no espectáculo "Había unha vez... O Circo de Nadal de Vigo".

Abel Caballero participou hoxe na presentación da nova edición do Circo de Nadal de Vigo que, un ano máis, se instalará no barrio de Coia. Nesta ocasión, baixo a súa gran carpa estará Gaby Aragón, fillo do mítico pallaso Gaby e sobriño de Fofó e Miliki. Este novo espectáculo será unha gran homenaxe a Los Payasos de la Tele no 50 aniversario da chegada á televisión do El Gran Circo de TVE. Gaby Aragón estará acompañada por funambulistas, acróbatas, malabaristas, bailaríns, cantantes e unha serie de artistas que o guiarán nesta homenaxe ao seu pai, Gaby.
Este novo espectáculo, que terá a súa estrea en Vigo, está pensado para o goce de toda a familia xa que as cancións de Los Payasos de la Tele unen a todas as xeracións. É un espectáculo cheo de recordos no que soarán cancións da familia Aragón interpretadas en directo: Érase unha vez, La Gallina Turuleca, El Auto Nuevo, Como me pica la nariz, Ola Don Pepito, Susanita e o seu rato... e todas esas cancións emblemáticas, acompañado de grandes atraccións circenses.
A estrea terá lugar o sábado 30 de novembro e as funcións prolongaranse ata o 12 de xaneiro. A información e os horarios pódense consultar dende hoxe na páxina web www.circodenadal.gal. Xa se poden adquirir as entradas anticipadas para o xa tradicional Circo de Nadal de Vigo online na ticketera viguesa ticketrona.com. Haberá descontos dun 20% na compra de calquera localidade ata o 20 de novembro.

