Escoitar

Concello e Goberno de España cooperarán na construción de vivenda protexida en Vigo

O alcalde reuniuse coa directora xeral do SEPES, Leire Iglesias, na que abordaron a situación da vivenda en Vigo. Concello e Goberno de España cooperarán no desenvolvemento do parque de vivenda na zona de Barreiro e Santa Cristina de Lavadores. Unha vez aprobado o PXOM, o SEPES tamén colaborará na edificación e urbanización dos ámbitos dedicados a edificación residencial.

xoves, 10 out 2024

Concello e Goberno de España traballarán conxuntamente no aumento do parque público de vivenda de Vigo. Abel Caballero mantivo unha xuntanza coa directora xeral do SEPES, Leire Iglesias, na que abordaron o desenvolvemento de vivenda na zona de Barreiro e Santa Cristina, un área que terá 300 novas vivendas a prezo de venda e alugueiro taxado.

O alcalde informou que o SEPES se encargará do financiamento da parte residencial e o Concello da sala de lectura, o auditorio e o resto de espazos e dotacións proxectados nesa zona. En canto ao ámbito de Santa Cristina, Caballero deu conta dos traballos que está a facer o Concello co proxecto e o plan de urbanización e que despois o SEPES e Concello traballarán no ámbito da construción das edificacións para vivenda.

O SEPES tamén se comprometeu á cooperación no desenvolvemento das zonas dedicadas a vivenda no novo PXOM de Vigo “que se aprobará de forma inmediata”. Segundo explicou o rexedor, “isto fará que edificación residencial destes ámbitos sexa o antes posible”.

Caballero considera que a xuntanza “foi magnífica” e que “Vigo gaña un aliado con recursos, financiamento e coñecementos técnicos para progresar en materia de vivenda”.

Descargar todas as imaxes