O goberno municipal solicitará fondos europeo para mellorar a calidade de vida dos dependentes con avances tecnolóxicos
O alcalde deu conta esta mañá da solicitude dunha subvención de medio millón de euros de fondos europeos para desenvolver un proxecto que permita aplicar novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas con dependencia. Trátase de facilitar o acceso aos servizos ás persoas que precisan de maior apoio así como a seus familiares ou coidadores.
O goberno local solicitou unha subvención de 500.000 euros á Secretaría de Estado de Dereitos Sociais dentro do Programa de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza, cofinanciado con fondos europeos. O Concello presentará un proxecto de apoio emocional e social á persoas dependentes a través de novas tecnoloxías, en particular, mediante aplicacións dispoñibles en Smart TV.
O obxectivo é, segundo explicou o rexedor, combater a soidade non desexada, atrasar o deterioro cognitivo, conseguir un maior benestar emocional e aumentar e mellorar as oportunidades das persoas para vivir de acordo a súa vontade, mantendo a súa residencia habitual.
O goberno local realizou en 2022 un diagnóstico da situación das persoas maiores que viven soas. Estase a elaborar un mapa da soidade no que se detecta que hai preto de 70.000 maiores de 65 anos, das que 17.000 viven soas e das que se estima que 8.000 senten soidade non desexada. Trátase de abordar as necesidades das persoas dependentes e tamén das súas familias e coidadores.
Caballero explicou que é unha solución tecnolóxica pero tamén presencial, xa que contará con profesionais, como psicoterapeutas e terapeutas ocupacionais, que asistirán aos nosos maiores no seu día a día con obradoiros de estimulación; atención psicolóxica; ocio saudable; ferramentas para combater a soidade non desexada; plataforma relacional coa familia e rede de apoio; canal cultural e de ocio, canal de saúde....
A idea é que, sobre o soporte das oportunidades que brinda o desenvolvemento tecnolóxico, se poida crear unha aplicación multi soporte (teléfono, tablet, televisión) que aúne:
1ª) Centro de recursos:
Canal de socialización: actividades grupais, videochat, videoconferencia.
Axenda/recordatorio de citas importantes, seguimento básico da saúde
Envellecemento activo
Consellos e guías para coidadores
Asistencia profesional psicosocial e terapia ocupacional para persoas usuarias e cuidadoras
Estimulación cognitiva
Canal de ocio e relacional
2º) Salas de encontro virtuais para sesións en grupo e videoconferencias coa familia.
3º) Conexión de aplicativos de domótica: detectores de mobilidade e aviso a urxencias.
Tal e como concluíu o rexedor, será un paso máis na actividade desenvolvida polo Concello no ámbito da atención á dependencia que xa inclúe programas como envellecemento activo, teleasistencia, coidadores de barrio, servizo de axuda a domicilio e comida na casa.