Escoitar

O goberno de España reafírmase nos compromisos en infraestruturas con Vigo

O alcalde mantivo unha xuntanza co secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, na que abordaron o traballo no estudo informativo complementario para a conexión Vigo – Ourense por Cerdedo, a conexión en alta velocidade con Porto e o avance na redacción do proxecto da autovía en túnel entre Vigo e O Porriño.

luns, 15 xul 2024

Abel Caballero e José Antonio Santano mantiveron unha xuntanza para abordar a situación das grandes infraestruturas en Vigo. “A entrevista foi moi ben e entendemos perfectamente o que Vigo precisa e acordamos o que a cidade necesita”, expresou o alcalde na comparecencia posterior á xuntanza.

Así, respecto a conexión ferroviaria entre Vigo e Ourense por Cerdedo, o secretario de Estado confirmou que o Goberno de España está a traballar no estudo informativo complementario para esta liña de alta velocidade. A partir de aí, o seguinte paso será a declaración de impacto ambiental e finalmente o encargo dos proxectos construtivos. “É importante non parar e facer que os proxectos avancen”, dixo Santano.

Outra das conexións ferroviarias que avanza é Vigo – Porto en alta velocidade, un compromiso do Goberno de España e o Goberno Portugal nos cumios de Guarda e Viana do Castelo. “Levamos tempo traballando nisto, polo que é importante que todos teñamos claros os protagonistas e os pasos que temos dado”. O secretario de Estado deu conta da constitución dunha agrupación de interese económico entre ambos países para analizar a mobilidade que terá esa futura conexión. Amais, tamén se está a abordar conxuntamente co Goberno de Portugal o punto de encontro sobre o río Miño nesa nova liña en alta velocidade. Santano tamén reafirmou as palabras do ministro titular da carteira de Transportes, Óscar Puente, sobre o comezo dos traballos para licitar o estudo do tramo entre O Porriño e a fronteira portuguesa. Sobre a saída sur ferroviaria, puxo data do remate do estudo informativo para o primeiro trimestre de 2025, ao que seguiría a saída a información pública, declaración de impacto ambiental e aprobación definitiva do proxecto. “Deberíamos estar en condicións de comezar a obra no ano 2029”, confirmou.

Sobre a autovía en túnel ata O Porriño, o proxecto incluirá algunhas cuestións sinaladas polo Concello “e seguiremos avanzando na súa redacción”, sinalou Santano. Segundo o mandatario estatal, a obra suporá un investimento de máis de 350 millóns de euros.

Outros temas

Santano e Caballero felicitáronse pola humanización da Avenida de Madrid, que o goberno local licitará nas próximas datas. Amais, o Goberno de España comprometeu unha solución para minimizar os ruídos provocados pola VG-20 ao seu paso pola zona residencial de Navia. “Temos un plan no Ministerio de loita contra o ruído e abordaremos a situación de Navia ao tratarse dun tema complexo”, explicou o secretario de Estado. Tamén avanzan os traballos entre ambas administracións sobre a humanización da AP-9.

Descargar todas as imaxes