Escoitar

A rúa Pintor Comeiro terá 4 ramplas mecánicas de acceso ao centro de saúde

O alcalde deu conta da aprobación do proxecto para a instalación de elementos mecánicos e humanización da rúa Pintor Colmeiro. Catro ramplas mecánicas unirán a rúa Álvaro Cunqueiro e rúa Tarragona cun importe de 2,5 millóns de euros.

venres, 12 xul 2024

Vigo segue a sumar elementos mecánicos para a mellora da accesibilidade e mobilidade sostible. Neste caso, o alcalde anunciou que a Xunta de Goberno aprobou o proxecto para a instalación de catro ramplas mecánicas e humanización de Pintor Colmeiro, entre a rúa Álvaro Cunqueiro e a rúa Tarragona. “A pendente é do 10%, e na parte alta da cidade hai un centro saúde, polo que é un apoio para que a cidadanía chegue á zona”.

O goberno local investirá máis de 2,5 millóns de euros. Segundo explicou o rexedor, a rampla será porticada polo lateral máis próximo á estrada, terá un sistema de detección de persoas para poñerse en funcionamento, como vén sendo habitual. En canto á humanización, haberá máis espazo peonil, permeabilización da rúa cun novo paso para peóns, novo saneamento e abastecemento, luminarias LED, pavimentación acorde á outra marxe da rúa e novo mobiliario cun banco xardín de 8 metros.

Abel Caballero lembrou que a semana pasada o Concello tamén aprobou o proxecto para a instalación do Vigo Vertical en Pintor Lugrís, “polo tanto teremos López Mora, Praza Independencia e Hispanidade humanizado e con ramplas mecánicas e unha forma moderna de entender a cidade”.

Descargar todas as imaxes