Escoitar

O goberno aproba unha batería de iniciativas para apoiar a distintos colectivos desfavorecidos

Abel Caballero anunciou este venres a aprobación pola Xunta de Goberno dunha batería de iniciativas destinadas a atender as necesidades de distintos colectivos desfavorecidos. Entre os acordos atópase a mellora das instalacións do albergue municipal, así como a contratación ata 2027 do servizo de atención sanitaria que prestará apoio á Unidade Asistencial á Drogodependencia de CEDRO, ademais da prórroga da atención psicolóxica aos menores cuxas nais son vítimas da violencia machista.

venres, 12 xul 2024

O alcalde anunciou este venres o acordo do goberno municipal de destinar 2.855.908 euros, durante catro anos, para que a Unidade Asistencial de Drogodependencias de CEDRO conte coa asistencia dun servizo de apoio sanitario. Apuntou que o Concello dedica unha media anual de 951.000 euros a garantir o servizo.

O rexedor explicou que se trata de proporcionar ás persoas con drogadicción atención voluntaria, gratuíta e multidisciplinar, prestada por médicos, psicólogos e asistentes sociais, “e apoialos na súa vida”.

Melloras no albergue municipal

Abel Caballero tamén avanzou que o Concello destinará preto de 250.000 euros a renovar as cubertas do albergue municipal de Vigo, tras o acordo alcanzado este venres pola Xunta de Goberno en torno ao proxecto de melloras no edificio.

Entre as obras anunciadas polo rexedor atópase a colocación dunha nova envolvente no tellado que incidirá na eficiencia do edificio, e que se suma a dotacións para mellorar as condicións acústicas das instalacións. “O albergue ten que ter toda a dignidade das persoas que van estar aí”.

Caballero lembrou que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cun albergue municipal para atender as necesidades das persoas sen teito, “para que quen veña a Vigo teñan un sitio onde durmir. Ningunha outra cidade de Galicia o ten e dedicámoslle máis dun millón de euros ao ano para atender á xente sen teito que chega a Vigo”.

O rexedor incidiu en que esta é outra das competencias que asume o Concello de Vigo e que lle corresponde á Xunta. “Nós queremos que as persoas sexan tratadas en Vigo con dignidade”, recalcou.

Atención psicolóxica a menores

O goberno municipal tamén acordou hoxe prorrogar o contrato para ofrecer atención psicolóxica aos menores de idade cuxas nais son vítimas de delitos de violencia contra a muller.

O Concello destina 15.000 euros para que os nenos e nenas accedan á axuda especializada que contribúa a que superen e  afronten as secuelas psicolóxicas provocadas por ser testemuños de situacións de violencia.

“Seguimos atendendo ás mulleres vítimas da violencia machista e aos seus fillos”, recalcou Caballero.

Descargar todas as imaxes