O Concello renovará as redes de saneamento e abastecemento da auga en Coia, Teis e Lavadores
Abel Caballero anunciou este luns que o Concello renovará as redes de abastecemento e saneamento de auga de distintas rúas de Coia, Teis e Lavadores.
O alcalde avanzou hoxe que ou Concello aprobou a renovación das redes de abastecemento e saneamento en “zonas enteiras” de Coia . “Queremos acabar cos problemas de abastecemento que hai nalgunhas rúas que contan con tubaxes desde hai 65 anos, absolutamente imposibles de manter porque son de fibrocemento”, afirmou ao detallar que “imos acabar cos problemas de abastecemento de auga renovando todas as rúas A Guarda, Camiño Figueirido, Tui, Cuntis e Padre Seixas".
O rexedor recalcou que a situación das redes en Coia débese a que os anteriores alcaldes e alcaldesas “deixáronas abandonadas” a pesar de superar a súa vida útil, e que agora se vai proceder a solucionar os problemas que provoca “o estado calamitoso” en que se atopan as redes de abastecemento e saneamento. “Todos os tramos que están en mala situación nestas rúas van ser completamente renovados por redes modernas e do século XXI”, afirmou.
Abel Caballero tamén anunciou a renovación e melloras substanciais no abastecemento de auga en medio quilómetro da rúa Xulián Estévez, con obras que acadan un investimento de 333.000 euros e cun prazo de execución de 5 meses. “Imos substituír tubaxes de fibrocemento por novas de fundición” desde a rúa Sanjurjo Badía ata a de Santa Tegra, e instalar tres tramos de colector de saneamento; dez novos pozos de rexistro e reposición completa do pavimento de aparcamento”, apuntou ao indicar que se trata de “unha actuación singularmente importante na rúa Xulián Estévez en Teis”.
Entre os acordos adoptados polo executivo local tamén destaca a aprobación do proxecto para o saneamento da rúa Sabaxáns, en Lavadores. As obras contan cun orzamento de 61.000 euros e un prazo de execución de cinco meses. Caballero explicou que se instalarán 125 metros de novo colector para contar cunha rede con capacidade suficiente para pluviais e evitar desbordamentos en época de choivas.
Convenio con ACNUR
O Concello colaborará con ACNUR para atender ás vítimas do conflito de Sudán que se atopan refuxiadas en Chad. Así o avanzou hoxe o alcalde tras explicar que coa achega municipal atenderanse a máis de 3.000 persoas, que pertencen a 500 familias, con artigos básicos de emerxencias, como bidóns de auga e material para construír refuxios. “Temos que facer cooperación para evitar que miles de persoas padezan e morran de desatención”, recalcou o rexedor.