Concello e Deputación asinan o convenio para a construción da grada de Gol de Balaídos
Abel Caballero e Luis López, en presenza da presidenta do Celta, Marian Mouriño, rubricaron o acordo para a remodelación da Grada de Gol que terá un investimento de 26,3 millóns de euros, financiados ao 50% por cada unha das institucións.
O Estadio municipal de Balaídos acolleu o acto de sinatura no que estiveron presentes tamén a tenente de Alcalde de Vigo, Carmela Silva, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez.
O rexedor amosou a súa emoción porque “hoxe iniciamos a última fase da remodelación global de Balaídos. Estamos acabando a construción dun gran estadio e facelo xuntos é un bo mecanismo. Estou encantado e celebro que isto estea sucedendo e non son cantidades menores, por iso o meu recoñecemento total á Deputación”.
No transcurso do acto, Caballero celebrou o acordo coa institución provincial para a remodelación da última grada: “hoxe é un día fantástico. Isto que está pasando é unha forma de unidade entorno á cidade. O meu recoñecemento á Deputación e a miña cercanía e cariño a Marian. Isto é un campo único. Estamos facendo o mellor campo de fútbol de mundo para o mellor equipo de fútbol do mundo”.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López apuntou as tres claves do acto de sinatura celebrado este venres: “satisfacción, responsabilidade e celtismo” e expuxo que “na Deputación tiñamos claro que tiñamos que estar na reforma de Balaídos e nada me alegra máis que ver ao Celta e á sua presidenta en todo o proceso que nos levou ata aquí”, engadindo que “a Deputación ten un compromiso con Vigo que non caduca e o de Balaídos supón o investimento máis alto da historia do ente provincial”.
A presidenta do Celta, Marian Mouriño, sinalou que “hoxe é un día importantísimo para todo o Celtismo porque isto faise realidade e vemos a dúas institucións unidas apoiando o proxecto Celta. Sempre pensei que traballar todos xuntos para unir o Celta e apoiar o equipo iba a ser máis difícil pero vemos que non, que se traballamos xuntos conseguimos cousas boas para Vigo e para o Celta”. E aventurou que “seguro que a Grada de Gol vai darnos moitos puntos”.
O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra investirán 26,3 millóns de euros ao 50% para unha obra de remodelación da Grada de Gol que conta cun prazo de execución de 29 meses e coa que o aforo chegará ata os 6.400 espectadores (na actualidade ten 4.000).