Urbanismo dará luz verde ao proxecto da senda fluvial do Lagares desde Moledo ata o Polígono de Miraflores
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobará na reunión do próximo martes 18 de xuño o proxecto definitivo para mellorar a senda fluvial pola marxe dereita do Lagares, desde a estrada de Moledo ata a conexión co Polígono de Miraflores, así como a cesión de uso ao Concello dunha parcela de máis de 400 metros. A obra permitirá aos peóns camiñar con seguridade pola senda fluvial.
Abel Caballero avanzou este venres que o acordo que adoptará o vindeiro martes a Xerencia de Urbanismo para aprobar definitivamente o proxecto de obras da senda fluvial pola marxe dereita do Lagares, desde Moledo ata o polígono de Miraflores, servirá para solucionar o “importante conflito” que existe neste momento “entre os peóns que camiñan polo río e os coches e camións” que transitan pola zona. Ante esta situación, insistiu en que os tráficos “teñen que ser definitivamente separados”.
O alcalde apuntou que o Concello investirá 298.000 euros nas obras deste tramo de 426 metros de longo, que se realizarán este ano e que contan cun prazo de execución de 3 meses.
“Seguimos recuperando as marxes degradadas do río Lagares para poñelos ao dispor da cidadanía”, apuntou o rexedor ao incidir no importante investimento realizado polo Concello para recuperar 12 quilómetros de paseo coa finalidade de que o Lagares sexa paseado “polas xentes de Vigo”.