Caballero expresa a súa satisfacción porque Vigo acolla o 38 Congreso de Xuíces para a Democracia
Abel Caballero expresou hoxe, ante os cen maxistrados e maxistradas de toda España que participan no 38 Congreso de Xuíces para a Democracia, o “orgullo, a honra e a satisfacción” que significa para Vigo acoller o encontro do ámbito xudicial que leva por lema “Defendendo as institucións, defendendo os dereitos”. Reinvindicou o papel de alcaldes e alcaldesas como "lexitimadores da democracia" por ser os referentes ante a cidadanía nos momentos difíciles.
O alcalde destacou, no acto de inauguración do 38 Congreso de Xuíces para a Democracia que se desenvolve no Museo MARCO, a importancia de que Vigo acolla o Congreso de Xuíces para a Democracia “nun momento tan importante, no que a Xustiza está no epicentro da opinión e do debate en España”.
Caballero reivindicou o papel dos alcaldes e alcaldesas como “lexitimadores da democracia, porque somos os que a xente ve como a gran lexitimación nos momentos convulsos e difíciles; a referencia á que poden acudir”.
Autonomía local
O rexedor incidiu ante os xuíces e xuízas en que a autonomía das corporacións locais “vese vulnerada continuamente”, sen posibilidade de recurso ao Tribunal Constitucional, así como que os concellos se atopan “nunha situación permanentemente complexa porque a Constitución non nos regulou suficientemente”, xa que só tres artigos do texto constitucional se refiren aos concellos. “Iso significa que temos pouca protección con respecto a outras institucións”, indicou, ao sinalar que os gobernos autonómicos poden “impoñer cargas aos concellos que non forman parte das competencias municipais”, ante o que “non temos ningún mecanismo de defensa” .
“Estamos nunha situación na que a autonomía que nos recoñece a Constitución non ten vía de lanzamento, de incrementación. Non temos a vía da defensa e cando o facemos ante os tribunais, como foi o caso de Vigo, estes aplican a lei que di que se pode vulnerar a autonomía porque se trata dunha lei autonómica e trazada coas maiorías autonómicas”, insistiu o rexedor.