Escoitar

Máis de 90 líderes do ecosistema biotech mundial participan nun encontro internacional en Vigo

Abel Caballero participou na inauguración dos "Galicia biodays" xunto a expertos internacionais da industria biotecnolóxica. O alcalde e presidente do Consorcio de Zona Franca avoga por consolidar a Vigo como sede permanente do foro internacional biotecnolóxico.

mércores, 12 xuñ 2024

Abel Caballero, presidente da Zona Franca de Vigo, reivindicou hoxe, ante representantes de empresas internacionais e 90 líderes mundiais en biotecnoloxía que participan no II Biodays, a achega do Consorcio en “acrisolar” a colaboración e cooperación público-privada para apoiar o nacemento, crecemento e proxección de emprendementos tecnolóxicos. Insistiu en que “das sinerxías obtemos unha gran rendibilidade para todos os ámbitos, e isto é o que Zona Franca simboliza, con David Regades como Delegado Especial do Estado"

Nun escenario de aposta polo apoio ás iniciativas tecnolóxicas, o alcalde reivindicou o respaldo do sector público, “porque desde o público temos que ter sempre un ollo posto no que significa o avance tecnolóxico e das empresas. Desde o público temos que ter espazos reservados de apoio ás iniciativas tecnolóxicas, e para iso temos que incorporar ás persoas que son capaces lanzar os proxectos de forma conxunta”, afirmou

Colaboración

O delegado de Zona Franca, David Regades, trasladou o compromiso de colaboración e apoio do Consorcio na promoción de todas as empresas do sector da biotecnoloxía e á súa consolidación. “Queremos ser o aliado no voso desenvolvemento, e seguir axudando e apoiando ás empresas neste territorio e para iso é fundamental a colaboración público-privada e seguir apoiando a Bioga”, afirmou Regades. “Con todas as actuacións que desenvolve, o Consorcio de Zona Franca de Vigo eríxese como vertebrador e apoiando a empresas e especialistas do sector biotecnolóxico para que dean ese salto cualitativo para a súa competitividade”, incidiu Regades.

Estratexia nacional

A secretaria xeral de Innovación, Teresa Risco, avanzou que o executivo central está a elaborar unha estratexia nacional para deseñar o desenvolvemento das tecnoloxías profundas, xa que requiren maior tempo de maduración dos proxectos e contan cun importante impacto social polos avances que achegan.

Risco animou aos emprendedores para utilizar os instrumentos do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación, CDTI, que está dotado con 300 millóns de euros, dos que o 30 por cento destínanse ao sector biotech.

Descargar todas as imaxes