O alcalde propón unha reunión a Alfonso Rueda para tratar “os temas pendentes coa cidade”
Abel Caballero informou este mércores do envío dunha carta ao presidente da Xunta de Galicia na que lle solicita unha entrevista para abordar as cuestións de interese para o desenvolvemento de Vigo.
O rexedor explicou que na misiva propón que “celebremos unha entrevista os dous, presidente da Xunta e alcalde de Vigo, para tratar todos os temas que a Xunta de Galicia ten pendentes con esta cidade”.
Considera Caballero que este é “un bo momento para tratalo”, logo da reelección de Alfonso Rueda como presidente do goberno autonómico e “no meu quinto mandato como alcalde na cidade”.
Así, explicou o rexedor, a súa proposta é a “man tendida para a cooperación. É momento de iniciala de forma franca entre as dúas partes. Polo tanto, esta é a proposta que lle fago na carta”. Sobre o lugar do encontro, Caballero sinala que pode ser en Santiago ou en Vigo “déixoo á elección de Rueda e espero a súa contestación”.