O Concello organiza viaxes pola ría para 2.600 maiores dentro do programa "Vigo, cidade amiga dos maiores"
O alcalde animou hoxe aos participantes na viaxe pola ría de Vigo a bordo da embarcación "Nautilus", integrada no programa municipal de avellantamento activo "Vigo, cidade amiga dos maiores", a gozar dun percorrido que está pensado para descubrir a importancia e riqueza dos fondos mariños a través da inmersión do dron submarino "Nemo", e das explicacións dos monitores especializados.
Abel Caballero explicou hoxe que o Concello volve poñer ao dispor das persoas maiores interesadas en realizar unha viaxe pola ría de Vigo, incluída no programa municipal de “Avellentamento Activo”, un total de 2.600 prazas, que están distribuídas en 49 navegacións nas que os participantes poden coñecer a riqueza do medio mariño.
O Concello organiza as viaxes durante os meses de maio, xuño e xullo, de forma totalmente gratuíta, segundo lembrou o alcalde. En cada viaxe participan 51 persoas, ademais hai tres prazas para persoas con mobilidade reducida que se desprazan en cadeiras de rodas.
O rexedor explicou que o barco “Nautilus” conta cun dron submarino que proxecta o fondo da ría nunha pantalla. “Poñemos ao dispor da xente maior a ría de Vigo enteira, e o fondo total da ría. Non só un cristal pegado a un peirao, é o fondo navegando e podéndoo ver a través dun dron que o proxecta de forma extraordinaria”, recalcou.
Caballero lembrou que a través do programa “Vigo, Cidade Amiga dos maiores” o Concello pon ao dispor das persoas interesadas un total de 7.000 prazas en talleres, situados en 40 localizacións distintas, para realizar distintas actividades centradas en mellorar a calidade de vida e contribuír a hábitos de vida máis saudables.
A esta iniciativa, a administración municipal de Vigo destina preto dun cuarto de millón de euros, segundo incidiu o rexedor ao trasladar o “gran interese” do goberno municipal na calidade de vida e nos hábitos de vida da xente maior.
Cada semana ábrese o prazo para anotarse a unha das viaxes da semana seguinte. Os interesados poden chamar aos números 600854260 e 649493797, da adxudicataria "Ocean Secrets", ou a través do servizo de información 010.
Axudas de emerxencia
A comisión de axudas de emerxencia do Concello aprobou esta semana un total de 58 novos apoios por un importe de preto de 21.000 euros, segundo anunciou este martes o alcalde.
Do total das axudas concedidas, 22 foron para alimentación, 13 para alugueiro, 4 aloxamentos, e o resto para atención sanitaria, farmacia e subministracións como luz e auga. “Evitamos desafiuzamentos coas axudas de alugueiro e de aloxamento”, recalcou o alcalde.
Caballero lembrou que en 2023 o Concello concedeu preto de 5.000 axudas de emerxencias por un valor de 1.300 euros e incidiu en que en 2024 mantense esta liña xa que desde xaneiro se aprobaron 1.862 apoios compatibles coa Risga e o ingreso mínimo vital, mentres que a Xunta mantén a incompatibilidade a pesar de que “debería facelo”.