O Concello investirá 394.000 euros na remodelación do Parque Camilo José Cela
O alcalde avanzou este venres o acordo da Xunta Local de Goberno para licitar as obras de renovación do Parque Camilo José Cela. Lembrou que o proxecto, que conleva un investimento de 394.000 euros, desenvolverase coa percepción de 120.000 euros de fondos europeos Next Generation EU provenientes do Goberno de España.

Abel Caballero detallou que co proxecto de melloras, o Parque infantil Camilo José Cela contará cunha ampla e “extraordinaria” renovación, xa que se instalará un pavimento de caucho antiimpactos. Ademais, instalaranse xogos con temática literaria, unha cama elástica, un balancín, e unha escalada.
O rexedor apuntou que a pista deportiva será obxecto dunha renovación total. Terá novas porterías e bancos.
A remodelación alcanza á zona biosaudable onde se cambiará o pavimento, e será dotado cunha bicicleta elíptica, barras paralelas, un air runner, e unha roda de estiramento e torsión.
O parque contará cunha nova iluminación, papeleiras, así como cunha fonte, e paneis informativos.
O alcalde apuntou que cas obras, “seguimos co proxecto de instalación de parques infantís e biosaudables en todo Vigo”.