Abel Caballero: “Xa podemos dicirlle a Navia que vai ter un instituto”
O alcalde anunciou que a Xunta de Galicia remitiu ao Concello un novo convenio con prazos e partidas orzamentarias, tal e como demandaba o goberno local desde hai tres anos. “Asinaremos o convenio o antes posible”, afirmou o rexedor.
Abel Caballero deu conta da remisión dun novo convenio por parte da Xunta para a construción do IES de Navia tal e como demandaba o goberno local, “con datas concretas e partidas orzamentarias”: “Xa podemos dicirlle a Navia que vai ter instituto”, afirmou o rexedor, que adiantou que o Concello “asinará o convenio o antes posible”.
O Concello demanda esta infraestrutura educativa desde hai tres anos. Durante este tempo Caballero sempre defendeu “que era imprescindible o convenio con prazos e inversións” para asegurar a súa construción no solo municipal. O alcalde lamentou a perda de tempo e que o goberno autonómico dixera durante este tempo que ese protocolo “non era necesario cando agora envían a proposta aceptando a nosa petición e posición”. “Poremos o solo a disposición da Xunta”, concluíu.