O Concello compromete o seu apoio na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade
Abel Caballero presentou este mércores, coa concelleira de Política Social Yolanda Aguiar, o programa organizado o domingo 3 de decembro na Praza da Estrela por 15 entidades sociais de Vigo con motivo do "Día Mundial da Discapacidade". “Baixo o mesmo paraugas” é o lema das actividades que se multiplicarán nas principais cidades de Galicia para sensibilizar sobre a existencia dunha sociedade diversa e plural.
O alcalde destacou a trascendencia da iniciativa liderada por 15 entidades sociais de Vigo para conmemorar o “Día Mundial da Discapacidade”, que leva por lema “Baixo o mesmo paraugas”. Sinalou que a partir das 12 do mediodía do domingo a Praza da Estrela será escenario dunha serie de actividades para reivindicar a existencia dunha sociedade con igualdade de dereitos.
Caballero afirmou que co acto do día 3 de decembro “queremos o recoñecemento dos dereitos” a través do traballo conxunto entre o Concello e as entidades sociais. “Estamos nun camiño importante no que non nos podemos deter, e hai algúns que pretenden que se deteña e, mesmo, que retroceda e que primen outros valores e non hai valor tan importante como o de ir xuntos baixo o mesmo paraugas e a igualdade e recoñecemento de dereitos en todas as dimensións e en todos os ámbitos”, defendeu.
O rexedor comprometeu o apoio da “xente e o goberno de Vigo” na loita polos dereitos. Chamou a participar no acto do domingo. “Seguiremos facendo a senda xuntos porque non podemos parar ata conseguir que a igualdade sexa real e nese camiño o goberno da cidade estará permanentemente”.
Entre as entidades participantes figuran Aspanaex, APAMP, Aceesa,San Xerome, Alento, Avempo, San Rafael, EVD, Doa, Autismo Vigo, Fundación Alsaba, Asem e Amencer.