Ceferino de Blas, Medalla de Ouro “Cidade de Vigo” a título póstumo
“A cidade vai recoñecerlle os seus esforzos, os seus méritos e a súa capacidade e dedicación durante unha parte tan importante da súa vida”, sinalou Abel Caballero este luns ao informar da concesión da Medalla.
O alcalde trasladou o seu pesar polo falecemento de Ceferino de Blas, “gran amigo, gran persoa, bondadosa, con criterio e carácter”, dixo, e anunciou que será, a título póstumo, Medalla de Ouro “Cidade de Vigo” porque a cidade “vai recoñecerlle os seus esforzos, os seus méritos e a súa capacidade e dedicación durante unha parte tan importante da súa vida”.
Na rolda de prensa deste luns, Caballero apuntou que “Ceferino de Blas foi cronista oficial da cidade desde 2017, anterior director de Faro de Vigo e director xeral de Prensa Ibérica en Galicia, gran vigués e xornalista infatigable dunha excepcional calidade”.
Apuntou tamén que desde que Ceferino de Blas chegara a Vigo en 1986, e nos seus case 40 anos de estadía na cidade, “fixo un traballo de compromiso total con Vigo, estudoso da cidade, apaixonado e impulsor do Instituto de Estudos Vigueses, moi ligado sempre á cultura e ao desenvolvemento cultural. Amais, salientou a súa capacidade para comprender a singularidade de Vigo “entendeuna marabillosamente ben e puxo a súa vida ao servizo de Vigo en tantas causas xustas e momentos complicados desde a súa posición de director de Faro, de cronista da cidade e na súa posición permanente de vigués sempre defendeu a cidade”.