Abel Caballero louva o proxecto falAI, que recollerá voces en galego para mellorar os asistentes conversacionais
O rexedor acudiu a presentación do proxecto que poñen en marcha o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e a empresa do sector TIC Balidea. Lanzan a campaña #A30frases para involucrar ao maior número de persoas posible e lograr así que as máquinas do futuro entendan mellor a nosa lingua.
O edificio Redeiras, a nova sede institucional da Universidade Vigo, acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación do proxecto falAI, na que acompañaron o alcalde, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Uvigo, Mónica Valderrama; o CEO de Balidea, Lorenzo Rodríguez e a investigadora de atlanTTic, Laura Docío Fernández.
Abel Caballero animou a toda a cidadanía da área metropolitana de Vigo “a que participe” xa que “trátase dun proxecto impresionante para o galego”, para a que realizou en directo unha achega ao proxecto coa súa propia voz.
Pretenden lograr 6000 aportacións diferentes e 100 horas de gravación a través da plataforma falai.balidea.com, para poder adestrar modelos de intelixencia artificial en sistemas que empregan tecnoloxías da fala, para logralo lanzan a campaña #A30frases para involucrar ao maior número de persoas posible. Estas tecnoloxías permitirán mellorar a experiencia de comunicación das persoas co mundo dixital, especialmente daquelas con maiores dificultades, como as persoas maiores ou con algunha discapacidade.