A Casa Galega da Cultura acolle a mostra “Francisco Fernández del Riego, 1913-2010. Letras Galegas 2023”
O alcalde asistiu esta mañá á apertura da exposición de “Francisco Fernández del Riego, 1913-2010. Letras Galegas 2023" que poderá visitarse ata o domingo 17 de decembro. Trátase dunha mostra autobiográfica que recolle unha selección das súas obras máis significativas.

Abel Caballero participou esta mañá na inauguración da mostra “Francisco Fernández del Riego, 1913-2010. Letras Galegas 2023", organizada pola Fundación Penzol co gallo da dedicatoria pola Real Academia Galega do Día das Letras Galegas, da que foi o seu presidente entre 1997 e 2001.
Instalada no vestíbulo da Casa Galega da Cultura, trátase dunha mostra fotobiográfica dividida en tres períodos: 1913-1939; 1940-1974 e 1975-2010, impresa sobre paneis que percorren sinteticamente a traxectoria dunha personalidade de máxima relevancia na cultura galega contemporánea. Complétase a instalación cunha mostra bibliográfica que recolle unha selección da súas obras máis significativas así como doutras de diferentes autorías que tratan sobre a súa figura. A exposición poderá visitarse até o domingo 17 de decembro.
O conxunto pretende ser unha introdución á súa obra e ás súas intensas e extensas actividades a prol de Galicia e da súa cultura. Tamén unha invitación a coñecer a Casa Galega da Cultura, que acolle a súa biblioteca, arquivo e museo —doazón que realizou “ao pobo de Vigo” en 1995—, así como a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, que Del Riego dirixiu desde a súa creación en 1963 ata pouco antes do seu falecemento en 2010.
Na presentación tamén estiveron presentes Xosé Manuel Soutullo Víctor, director da Fundación Penzol; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Malores Villanueva, secretaria da Fundación Penzol e biógrafa de Francisco Fernández del Riego Manuel Puga; así como o presidente da Fundación Penzol, Ramón Martínez Bermúdez, en representación da familia de Francisco Fernández del Riego.