Escoitar

O Concello aposta por Pablo Izard na súa primeira velada de kickboxing en Vigo

O kickboxing chegará ao Frontón Municipal das Travesas este sábado (19.00 horas) coa velada “La noche del barrio”, que reunirá un total de seis combates de afeccionados, patrocinados polo Concello de Vigo e a organización de El Barrio Kickboxing, novo club dirixido por Pablo Izard, segundo anunciou Manel Fernández, concelleiro de Deportes, en rolda de prensa.

mércores, 15 feb 2023
Momento da presentación do evento este mércores no Concello
Momento da presentación do evento este mércores no Concello

O pentacampión de España desta disciplina, de 1,83 metros de estatura e 26 anos, pechará a serie de combates cunha pelexa internacional, cando se enfronte ao campión portugués, o lisboeta Marco Romeiro (1,86 e 23 anos) na modalidade de K1 por 83,5 quilos.

"É un evento importante e Pablo meréceo polos seus méritos", destacou o concelleiro, quen apuntou que é "a primeira vez que se celebra en Vigo".

Izard, pola súa banda, recoñeceu que "é de agradecer que o meu Concello apoie o evento" e afirmou que "vou facer o mellor posible para que a xente goce". O actual campión de España profesional (e afeccionado) defenderá o título nacional amateur en Guadalaxara (4-7 de maio) e aspira ao Mundial de Lisboa.

O "kickboxer" tamén sinalou que o sábado presentarán unha excelente partida de nomes locais, xa que o seu club traballa arreo para levar este deporte á zona de Teis-O Calvario. O sábado pelexarán en diferentes pesos de lowkick Erik Fernández, Maxi Martínez, Miguel Santamarina, Xabi Agras, Ángel "Vikingo" Román ou Manuel Amorín. "Hai rapaces magníficos que van facer un bo espectáculo", dixo Izard, quen acompañou ao concelleiro xunto co Agras e o preparador físico do club.

Descargar todas as imaxes