Escoitar

O goberno municipal sinaliza con “dentes de dragón” os accesos ao colexio Emilia Pardo Bazán

Co obxectivo de reducir a velocidade da circulación á altura do Ceip Emilia Pardo Bazán, o goberno local instalou o novidoso método dos “dentes de dragón”, marcas viais que dan sensación de gran estreitamento. Ademais, reforzouse a vixiancia policial nos horario de entrada e saída do centro educativo.

mércores, 15 feb 2023

O alcalde deu conta da implantación de medidas para mellorar o acceso peonil ao colexio Emilia Pardo Bazán (Chouzo). Concretamente, o Concello pintou “dentes de dragón”, unhas marcas viais triangulares que ata o momento non se tiñan utilizado en Vigo. Este novidoso modelo de sinalización horizontal produce un efecto de estreitamento no carril polo que os condutores vense obrigados a reducir a velocidade.

Levarase a cabo o pintado de 60 “dentes” en cada marxe, co obxectivo de sinalizar todo o percorrido do vial que coincide co colexio, preto de 135 metros de longo que contará cunha senda peonil na marxe dereita de 1,5 metros.

Ademais, engadiu o rexedor, tamén se reforzou a vixiancia policial nas entradas e saídas do centro educativo.