Escoitar

Todo listo para o VII Certame Internacional de Regueifas

O Certame Internacional de Regueifas chega neste 2003 á súa sétima edición. Celebrarase do 1 ao 5 de agosto no Centro Sociocultural de Valadares, e incluirá dende regueifas tradicionais ata rimadores de hip-hop, pasando por poetas contemporáneos ou espectáculos de cabaré.

xoves, 31 xul 2003
1059650813Santiago.jpg
O concelleiro de Cultura, Santiago Domínguez, cos responsables da organización, durante a presentación do Certame
O VII Certame Internacional de Regueifas organízao o Centro sociocultural de Valadares, patrocínao a Concellería de Festas e Animación sociocultural e colaboran as Consellerías de Cultura e de Educación da Xunta, a Asociación Oral de Galicia e a Casa Galega da Cultura.

Un ano máis o Centro sociocultural de Valadares ofrécelle a cidadanía a posibilidade de gozar dun evento que nos achega a unha serie de manifestacións que teñen como principal cualidade a improvisación oral e a utilización da palabra de xeito inxenioso e ocorrente.

A edición deste ano aproximase moito o concepto de Certame formulada ao inicio da andaina do festival, é dicir, explorar as posibilidades da palabra partindo das cualidades propias da regueifa; a oralidade, a improvisación, a rima e o enxeño. Dende esta perspectiva que unha oferta tan variada garda unha coherencia que a fai homoxénea.

A edición deste ano vai dedicada á honrar a memoria de Jesús Fernández Rama, máis coñecido como Calviño de Tallo, mestre de mestres da cultura popular, finado en Reis deste ano, gañador dunha das primeiras edicións do Certame, e verdadeiro referente da evolución da regueifa dende o popular ata o mundo do espectáculo.

Ao recoñecemento desta forma cultural axudará tamén que sexa un dos piares fundamentais na que se apoiará o comité galego que promove a declaración como Patrimonio Inmaterial da Humanidade a cultura galego- portuguesa.
Descargar todas as imaxes