Escoitar

Concerto do pianista Iuri Rozum

O auditorio do Centro Cultural Caixanova acollerá o xoves 31 o concerto do instrumentista ruso Iuri Rozum. O concerto, de entrada libre ata cubrir o aforo, está organizado pola Concellería de Festas e Animación sociocultural, e comezará ás 21:00.

mércores, 30 xul 2003
1059560820yuri.jpg
Iuri Rozum
O pianista Iuri Rozum naceu en Moscova, no seo dunha familia de prestixiosos músicos, e non tardou en manifestarse como unha promesa da música ao obter o primeiro posto no exame de acceso aos cursos de piano do conservatorio Chaikovski da capital rusa.

Neste centro foi considerado un dos estudantes máis prometedores e en 1975, durante a súa estadía alí, convidárono a participar na competición de piano Queen Elizabeth de Bruxelas. Razóns relixiosas e políticas, sen embargo, moveron a negativa das autoridades soviéticas a concederlle o permiso de viaxe, e non puido saír do país ata seis anos máis tarde.

Superada esa barreira, Iuri Rozum converteuse na estrela de numerosas competicións e festivais internacionais, entre os que se atopan a competición internacional de música de Montreal, a competición internacional de música Raíña Sofía de Madrid (1979), a competición internacional de piano de Barcelona (1980), a de Toquio (1983) e a de Montreal (1984).

A pesar do seu evidente éxito, durante varios anos só se lle permitiu tocar na Europa do Leste, e nese tempo acompañou as mellores orquestras da zona. Trala disolución da Unión Soviética, a comezos dos anos 90, o nome de Iuri Rozum empezou a ser coñecido no Oeste europeo. O artista foi recoñecido e galardoado coa medalla Soviet Supremo e co título de Artista Meritorio de Rusia.

Desde aquela Iuri Rozum ten actuado na maior parte dos países europeos, así como en Xapón, Arxentina, Austria, España ou Estados Unidos, con grande éxito de crítica.

O seu primeiro CD, "Italian themes", gravouse no ano 1995, e ten gravado un disco en solitario coas trascricións dos traballos de Schubert realizadas por Liszt e as "Réminiscences de Don Juan". Outros traballos inclúen obras de Rachmaninov, Chaikovski e Chopin.

Actualmente o maestro Rozum comparte o seu traballo de músico coa docencia, xa que dá clases en varios centros universitarios de Estados Unidos e na Academia Musical Fischer (Alemaña). Ata hai pouco foi profesor auxiliar na Universidade de Monash (Australia). Os proxectos deste pianista inclúen varios concertos, algúns deles coa Orquestra Filarmónica de Moscova, unha xira por Estados Unidos coa Orquestra da RTV de Moscova e numerosos recitais en solitario na capital rusa, Londres, Berlín e outras cidades.
1059560820yuri.jpg
1059555865rozum.jpg