Escoitar

Continúan as bandas de música e a animación infantil

No programa das Festas do Cristo para hoxe recóllese unha nova xornada de animación infantil na Alameda de Bouzas e mais a actuación da banda de música de Coruxo.

mércores, 30 xul 2003
O parque de animación infantil comprende xogos populares (carreira de tres pés, carreiras de sacos, busca do tesouro, baile da cadeira…), touro mecánico, casa de pelotas, futbolín humano, multiarcos, tobogán saltarín, caraoque e concurso de playback e a actuación do pallaso Popín. Terá lugar na Alameda de Bouzas, entre as 17:00 e as 21:00 h.

O concerto da Unión Musical de Coruxo será ás 21:00 h., na praza da Estrela. A entrada, como para todas as actuacións do ciclo de bandas populares, é libre.

A fundación da Unión Musical de Coruxo produciuse no ano 1880, cando Eusebio Alonso Fernández reúne un grupo de veciños de Coruxo. Despois da súa morte a banda estivo dirixida por dous dos seus fillos: Severino Alonso Mallo entre os anos 1928 e 1932, e por Eusebio Alonso Rodríguez (Roque) entre 1932 e 1972.

No ano 1972 a banda cesa as súas actividades por acordo do seu director e dos propios membros, pero a inquedanza musical seguía presente nos compoñentes, feito que propiciou que un pequeno grupo deles e mailo propio director (Roque), iniciasen unha nova etapa mediante as clases de música impartidas a un nutrido grupo de mozos. O esforzo e traballo destas persoas tivo a súa recompensa en xullo de 1982, cando a banda ofrecía o primeiro concerto da nova etapa. A partir desta data, foron moitas as actuacións por toda a comunidade galega.

Nese mesmo ano inscríbese como entidade cultural e comeza o seu labor como presidente José Comesaña Comesaña, tarefa que segue realizando ata a actualidade.

No ano 1985 profesionalízase a banda, pasando á dirección o profesor Miguel Sacristán Ramos. Gracias á formación, á capacidade de desenvolvemento e ao nivel acadado polos integrantes da agrupación, formáronse no seo desta banda profesores, directores e subdirectores integrados noutras escolas e bandas de música.

Participa nos actos culturais levados a cabo con motivo do traslado a Galicia dos restos mortais de Castelao, e en abril do 1994 faino tamén no recibimento e presentación de honras al-Rei Xoán Carlos I no estadio de fútbol Vicente Calderón de Madrid co gallo da final da copa do Rei de fútbol ese ano.

En 1996 recibe o título de "Viguesa Distinguida". Actualmente está dirixida por Miguel Sancristán Ramos.