Escoitar

Unanimidade na aprobación da modificación orzamentaria para a gratuidade das escolas municipais infantís

O edil de Facenda subliñou a importancia da medida para 400 familias viguesas: “Todo con fondos do propio concello”, concretou Aneiros.

mércores, 29 xuñ 2022

O Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxas pola prestación do servizo das 9 escolas infantís municipais que utilizan 400 familias de Vigo.

Jaime Aneiros explicou que nesta primeira etapa de educación infantil, de 0 a 3 anos, “o goberno local decide asumir o custe íntegro do servizo nas 9 escolas infantís municipais”. O concelleiro cifrou en 280.000 euros, aproximadamente, o investimento por cada escola e entre 5.000 e 6.000 euros por neno ou nena no servizo: “inclúe a educación, o comedor e os servizos complementarios”, puxo de manifesto.

Os grupos da oposición votaron a favor. O edil non adscrito pediu aínda así máis esforzo para que a pública sexa universal; o Grupo Mixto criticou á Xunta por subvencionar a educación de 0 a 3 anos privada; o Grupo Popular defendeu que a medida “chega tarde” e defendeu a actitude do goberno autonómico neste eido.

O responsable de Facenda recriminou ao PP que “a Xunta chega tarde” e explicou que “o Concello xa está a subvencionar o servizo nun 80% desde fai anos”. Tamén quixo lembrar que a subvención das escolas da rede autonómica non é íntegra: “Só financia a parte educativa, o comedor e servizos complementarios deben ser pagados polos pais e nais”, concluíu.

Contas municipais

Aneiros tamén explicou no pleno a Conta Xeral do Concello o da Xerencia de Urbanismo correspondente ao ano 2021. O expediente foi aprobado cos votos do equipo de goberno. A oposición foi crítica coa execución orzamentaria mentres que desde Facenda defendeuse “o bo facer” do goberno.

Descargar todas as imaxes