Escoitar

Vigo insta á Xunta a mellorar as condicións do Servizo de Axuda no Fogar

Aprobouse por unanimidade o recoñecemento ao traballo das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Tamén exixirlle á concesionaria a cumprir o convenio colectivo en materia de revisión salarial así como a continua aposta polo servizo.

mércores, 29 xuñ 2022

O Pleno aprobou por puntos a moción presentada polo edil non adscrito pola mellora das condicións salariais e laborais do persoal do Servizo de Axuda no Fogar.

Por unanimidade, os grupos aprobaron recoñecer de xeito expreso o “gran traballo e a función esencial que desempeñan as traballadoras do SAF. Tamén co apoio de todos os edís presentes no momento da votación, exíxeselle á empresa concesionaria do servizo en Vigo que cumpra o convenio colectivo vixente en material de revisión salarial, xa que, segundo explican desde a moción presentada “é unha cuestión imprescindible para cumprir cos pregos da contratación”. Tamén solicitouse alargar a carteira de servizos do SAF, apostando pola extensión do mesmo a un maior número de persoas usuarias.

O Grupo Popular votou en contra de instar á Xunta a mellorar as condicións dos contratos e incrementar o prezo do servizo co fin de mellorar as condicións laborais das traballadoras e mellorar o servizo ás familias. Tamén opúxose a instar á Xunta a traballar coas empresas concesionarias e as organizacións sindicais para o cumprimento do convenio colectivo de Atención a Domicilio de Galicia, “aboando o 6,5% pactado no mesmo e mellorar substancialmente as condicións laborais das traballadoras. Este punto saíu adiante cos votos do Grupo Socialista, Grupo Mixto e o edil non adscrito.

Descargar todas as imaxes