Escoitar

O Concello homenaxea a Domingo Villar no marco da Feira do Libro

A Biblioteca municipal Neira Vilas organiza actividades arredor da figura do autor vigués na caseta que instalará na Feira que comeza este venres 1 de xullo. É unha das actividades que conforman a programación de verán da biblioteca.

luns, 27 xuñ 2022
O alcalde visita a caseta da Biblioteca Municipal Neira Vilas na Feira do Libro de 2021
O alcalde visita a caseta da Biblioteca Municipal Neira Vilas na Feira do Libro de 2021

O alcalde avanzou este luns en rolda de prensa o programa estival da Biblioteca municipal Neira Vilas que inclúe actividades para tódolos públicos. A primeira desenvólvese no marco da Feira do Libro que se celebra na rúa do Príncipe desde o 1 ata o 7 de xullo: a homenaxe a Domingo Villar, o autor vigués recentemente falecido.

O Domingo 3 de xullo ás 11:30 horas comezará a lectura pública dos seus textos a cargo dun grupo de voluntarios do Concello de Vigo e, dentro da caseta da Biblioteca Neira Vilas, haberá un xogo relacionado coa obra literaria de Domingo Villar coa posibilidade de obter premios: a degustación dos pratos preferidos do inspector Leo Caldas, unha comida ou cea no bar Porto para dúas persoas, unha comida ou cea na taberna O Elixio para dúas persoas, unha visita para coñecer a Escola de Artes e Oficios, unha visita guiada na EMAO, un traxecto no Pirata de Ons e unha viaxe de ida e volta Vigo-Moaña-Vigo na navieira para dúas persoas.

Ademais a Biblioteca Neira Vilas propón aos usuarios que este verán su sumen á “Cita a cegas”, paquetes pechados de libros que se poden levar á casa prestados sen saber o que hai dentro. Estará en funcionamento entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.

Para o público infantil, haberá dúas propostas de verán: a primeira o obradoiro “Modelamos unha historia?”, no que a través do barro poden recrear unha historia en grupo. Será o martes 5 de xullo de 11 a 13 horas para nenos de 6 a 10 anos. A segunda proposta é o “Taller de estampaxe” para crianzas a partir de 7 anos, no que cada participante creará o seu propio deseño personalizado que levará nunha camiseta. Terá lugar o 12 de agosto de 11 a 13 horas.

 


A biblioteca reforzará tamén o asesoramento dixital para tramitar as cuestións relacionadas cos seus servizos. Haberá proxeccións de películas e a mostra “Fiando Mitos” durante todo o verán con libros relacionados cos mitos.

Descargar todas as imaxes