O alcalde felicita ao persoal de limpeza de Vigo pola obtención da oitava vasoira de platino
Durante a visita que realizou ás instalacións de FCC na cidade, Abel Caballero destacou a mención especial que recibiu Vigo este ano en “recoñecemento á traxectoria en limpeza desde o ano 2008”.

O rexedor trasladoulle ao persoal de limpeza a felicitación da cidade pola obtención da oitava vasoira de platino consecutiva e puxo en valor a especial significación da mención específica: “unha mención única, que soamente ten Vigo en toda a historia das vasoiras de platino: o recoñecemento especial á traxectoria en limpeza da cidade desde o ano 2008”.
Segundo explicou, esta mención salienta os 15 anos de traxectoria de Vigo como a cidade máis limpa de España e como a urbe coa “traxectoria de limpeza máis importante de ningunha cidade nunca na historia. Valóroo moito porque a cidade valora moito a limpeza”.
Vigo vén de recibir a oitava vasoira de platino consecutiva, logo de acadar a dos anos 2008, 2010, 2012, 2014, 2016, 2018, 2021 (pola pandemia) e agora en 2022. “Son bianuais e levamos oito consecutivas”, co engadido desa mención especial á cidade e doutra mención máis pola realización de campañas de concienciación nos colexios, potenciando a prevención na xeración de residuos, a reutilización, a reciclaxe e a separación.