Escoitar

Vigo reforza o transporte e a seguridade na noite de San Xoan

O alcalde detallou este xoves o dispositivo habilitado para a noite más curta do ano, con 41 axentes da Policía Local para velar pola seguridade e un incremento das frecuencias do autobús urbano vigués. Caballero recordou que está “completamente prohibido” calquera tipo de lume nas praias.

xoves, 23 xuñ 2022
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa na Alcaldía.
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa na Alcaldía.

O Concello de Vigo inspeccionou e autorizou a realización de vinte dúas cacharelas nesta noite de San Xoan e o alcalde recordou á cidadanía que “de ningún modo, ningunha fogueira por pequena que sexa na praia”, xa que está “completamente prohibido”.

Para velar pola seguridade na noite de San Xoan, o Concello dispón a 41 efectivos da Policía Local, segundo avanzou o alcalde. Trátase de persoal de Atestados, da unidade de Costa e Praia e tamén axentes motorizados para poder chegar ás zonas da cidade con menor accesibilidade.

Por outra banda, Vigo tamén mellora o transporte público ante o previsible incremento dos desprazamentos, en particular da xente máis nova. Ao efecto, Abel Caballero recomendou á xuventude o uso do autobús e informou do reforzo da liña nocturna N1, que terá unha frecuencia de paso de 20 minutos en zonas como o centro, Coia, Bouzas ou Samil, e ademais prolonga o seu funcionamento ata as 07:30, hora da súa última saída desde Samil.

As liñas regulares a Samil tamén se verán reforzadas na tarde noite deste xoves. Explicou Caballero que, na parada dos Choróns, a frecuencia media dos autocares será de 17 minutos, coas liñas 15A, 15B e 15C; en Policarpo Sanz tamén será de 17 minutos coas rutas 10, 15B e 15C e na Praza de América, de 20 minutos coas liñas 10 e 15A. Toda a información sobre percorridos e horarios está dispoñible na web de Vitrasa en la app Vigo.

Descargar todas as imaxes