Escoitar

Caballero: “Vigo ten o proxecto de turismo emerxente máis importante de toda Europa”

O alcalde inaugura o Foro de Turismo, organizado por Faro de Vigo e SEGITTUR, centrado na dixitalización do sector.

mércores, 22 xuñ 2022

O alcalde inaugurou esta mañá o Foro de Turismo organizado por Faro de Vigo e SEGITTUR que abordou temas como a dixitalización e a competitividade das pemes turísticas; as axudas Next Generation para a dixitalización do sector turístico e as iniciativas de impulso á dixitalización na provincia de Pontevedra.

Caballero destacou o “extraordinario” momento que vive o sector turístico da cidade e asegurou que “Vigo ten o proxecto de turismo emerxente máis importante de toda Europa”.

O rexedor indicou que Vigo logrou exceder a cidades españolas moi notables turisticamente pero, advertiu, “aínda estamos a emerxer¸non alcanzamos o nivel que buscamos”.

Apuntou, ademais, que “somos un dos principais destinos turísticos de fin de semana, alcanzando moitos deles niveis de ocupación de case o 100%”.

O alcalde destacou o proxecto Illas Cíes Patrimonio da Humanidade como outra das patas turísticas de Vigo. “A pesar da cambadela que nos fixo a Xunta, as nosas illas son un enorme foco de atracción e seguiremos apostando polas visitas limitadas para gozalas á vez que as protexemos”.

Caballero agradeceu ao Goberno de España o seu apoio nas iniciativas turísticas da cidade e relatou os próximos proxectos nos que están a traballar como o miradoiro do Concello, “co que lograremos que sexa un lugar de encontro para os cidadáns”; o edificio na Praza da Concatedral, que se destinará á atención turística e a un centro de gastronomía; ou o proxecto do Vigo Vertical, que permite conectar todo o centro da cidade.

Por último, Caballero lembrou que a marca Vigo conseguiu situarse entre as cinco máis importantes de España, xunto con Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao.

O foro contou con expertos e autoridades de distintas áreas entre os que se atopaban, entre outros, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente de SEGITTUR, Enrique Martín; ou o presidente de  FEGATUR, Francisco Almuiña.

Descargar todas as imaxes