Escoitar

O alcalde salienta o “renacemento económico excepcional” da cidade nos últimos anos

Abel Caballero participou esta mañá nun almorzo informativo organizado por Executive Forum no que puxo en valor Vigo como “a cidade da economía, das empresas e os emprendedores” referíndose á colaboración público-privada como un modelo que “funciona e funciona ben”.

venres, 10 xuñ 2022
O alcalde durante a súa intervención do Executive Forum
O alcalde durante a súa intervención do Executive Forum

Na súa intervención, o rexedor explicou o proxecto de cidade que desenvolve desde que chegou á alcaldía no ano 2007 lembrando as circunstancias e os contextos que acompañaron á súa xestión. Destacou que, malia as contornas económicas “tremendamente desfavorables”, nestes 15 anos “Vigo tivo o mellor desenvolvemento económico, social e político da súa historia, sendo capaz de reverter as situacións desfavorables e lanzarse”. Así, pasou de ser “unha cidade con pouca presenza e case inexistente, a ser a cidade con máis calidade de vida de España, e a estar entre as cinco marcas de cidades máis importantes de España”.

No tocante ao modelo económico de Vigo, o alcalde sinalou que “nos últimos anos tivemos un renacemento económico excepcional” manifestando que “o hábitat e a forma económica do comportamento da cidade está a ser, no contexto no que nos movemos, extraordinariamente notable”. Neste sentido, dixo “ser o alcalde da economía, porque esta cidade é tanto como sexa a súa economía. Somos a cidade das empresas e os emprendedores” e, para acadar este éxito, Caballero, referiuse ao modelo económico de colaboración público-privada que “funciona e funciona ben” en Vigo. Trátase, sinalou, dun “dun modelo magnífico, porque é o que nos permite axuntar esforzos, facer un proceso económico dunha razoable cohesión e coherencia e lanzar todos os sectores da economía de Vigo”. Como claro exemplo diso, referiuse ao lanzamento dun sector “tan especial” que antes era inexistente na cidade: o turismo.

Abel Caballero explicou que outro dos éxitos da cidade de Vigo radica no “desenvolvemento cidadá, é dicir, na forma de entendela desde a cidadanía”, citando como exemplo, a resposta ante a pandemia de Covid-19: “cando nos arrasou, nós tiñamos as claves adiantadas desde facía 10 anos”. Por iso, sostén que “tirar da economía no ámbito público” é fundamental en momentos coma este, tal e como o demostraron os fondos Next Generation UE.

Con respecto á xestión dos fondos europeos, asegurou que “Vigo está a ser un actor importante”. O Concello conta con aproximadamente 50 millóns de euros provintes do Goberno de España e “estamos a ser capaces de mobilizar ámbitos económicos de tirón para facer transformacións cidadás e para converter a cidade nun modelo de cidade distinta”. Así, referiuse ao “modelo de entendemento e de diálogo permanente” que constitúe a forma de funcionar de Vigo. “Hoxe tódalas cidades de España queren ser Vigo” xa que “son os propios cidadáns os que deciden que estamos por diante das demais” e considera que a cidadanía viguesa avala este sistema de funcionamento que, amais, “atopa un eco no conxunto de España”, incidindo en que Vigo está a converterse en “cidade atracción de empresas que traballaban fóra da cidade. Este modelo necesita aliados e por iso fomos buscándoos. Somos un modelo de unidade política, que nos permite que non haxa sobresaltos e sexamos previsibles”.

Caballero comezou a súa intervención declarando que “a nosa paixón e a nosa forma de entender o mundo chámase Vigo". Nesta liña, engadiu que “é unha cultura o que estamos a desenvolver nesta cidade e que ofertamos como un modelo político no que, desde a cidade, vanse buscando aliados, formas e mecanismos que a engrandezan e amplíen”.

O alcalde estivo acompañado no almorzo de Santiago Lafuente, director de España de Aqualia, que celebrou a publicación nas últimas horas da primeira convocatoria do PERTE da dixitalización da auga en España que, ao seu entender, “vai ser un cambio radical para o sector, cun investimento de 2.800 millóns de euros nos concellos” e que tamén recoñeceu o impulso e o apoio da FEMP neste sentido.

O alcalde durante a súa intervención do Executive Forum
Descargar todas as imaxes