Escoitar

O Concello solicitará 9 millóns de fondos europeos para a reforma do edificio consistorial e as piscinas de As Travesas

O alcalde avanzou esta mañá a nova proposta municipal a fondos europeos do Ministerio de Transporte que nesta ocasión ascende a 14,3 millóns dos que o Concello aspira a que Europa financie 9. A remodelación integral do edificio consistorial -dividido en dúas partes – e a rehabilitación das piscinas de As Travesas completan a petición de Vigo nesta convocatoria.

xoves, 9 xuñ 2022
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía

O goberno local deu luz verde esta mañá aos proxectos que enviou ao Ministerio de Transportes para a convocatoria de rehabilitación de edificios de titularidade pública. Con tal obxectivo, indicou Caballero, elaborouse un Plan director para a remodelación integrada da casa consistorial que se divide en tres fases de actuación: base do Concello (plantas 0, 1 e 2); torre e mirador.

A primeira das propostas leva por título Mellora da eficiencia enexética, sostibilidade e habitabilidade dos espazos destinados á atención ao público (parte da base da torre). Prevé mellora da envolvente térmica de toda a base do Concello o que supón un orzamento de 4,6 millóns para o que se solicitarán 3 millóns. O obxectivo é eliminar as patoloxías existentes; a mellora da sostibilidade, da mobilidade e da integración paisaxística do edificio, entre outros. A proposta a executar será o resultado dun concurso de internacional no que xa se está a traballar co Colexio de Arquitectos buscando a organización integrada da unión coa Panificadora, coa Praza do Bicentenario e co Castelo de San Sebastián. Caballero recoñeceu que, aínda que a remodelación se vai facer por fases, é clave ter un deseño final que terá que reducir a lo menos nun 30% o uso de enerxía non renovable, instalar xardíns perimetrais ou aproveitar a cuberta do edificio para novos usos e mellora da sostibilidade do edificio cunha cuberta verde.

A segunda das propostas é a Mellora da eficiencia enerxética, sostibilidade e habitabilidade dos espazos destinados á atención ao público na torre do Concello. A rehabilitación deste espazo ascende aos 4,7 millóns dos que se solicitarán 3 millóns. Esta actuación prevé a mellora do illamento, da conexión vertical e a utilización eficiente da torre.

Tal e como lembrou en rolda de prensa Caballero, a remodelación do ascensor panorámico e o miradoiro xa fora presentada a outra convocatoria de axudas polo que con esta aprobación quedaría acometida toda a rehabilitación e reorganización do Concello para ser eficientes en termos enerxéticos, máis sostible, máis cómodo para os cidadáns cun edificio de utilización integral.

O Concello tamén solicitará fondos europeos para a rehabilitación integral do edificio de piscinas As Travesas para convertelo nun centro de auga e benestar. Cun orzamento de 4,9 millóns -solicitaranse 3 – contempla a remodelación completa da instalación deportiva (fachadas e cubertas); modernización dos sistemas, renovación da capacidade illante, protección solar nos acristalamentos, mellora dun 30% no consumo de enerxía non renovable; renovación de vasos das piscinas; instalación de fotovoltaicas e iluminación Led. .

Deste xeito, o Concello aspira a obter 9 millóns de euros para cofinanciar os tres proxectos presentados que xuntos alcanzan un importe de 14,3 millóns. Hai que lembrar que Vigo xa concorreu á liña 1 desta mesma convocatoria do Mitma solicitando 3,5 millóns para a rehabilitación dos pazos de Castrelos e Raposeira.

Fondos Next Generation EU

Caballero fixo repaso dos fondos europeos que solicitou o Concello que ascenden a 27,3 millóns dos que xa foron concedidos 13,3 millóns.

 

Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía
Descargar todas as imaxes