Escoitar

O goberno de Vigo ampliará a reforma do campo do Vao e elevará o apoio económico ao Coruxo

Na presentación do campus deportivo de verán do club, Abel Caballero trasladou públicamente ao presidente do Coruxo FC a intención municipal de arranxar a cuberta da bancada e afrontar a remodelación da fronte do estadio. Ademais, o alcalde anuncioulle que o Concello aumentará a súa asignación económica ao club como entidade de elite.

mércores, 8 xuñ 2022
Foto de familia este mércores, no campo do Vao.
Foto de familia este mércores, no campo do Vao.

O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, achegáronse este mércores ata o campo do Vao para participar na presentación da oitava edición do campus deportivo do club vigués, que reunirá desde o 27 de xuño a máis de seiscentos nenos e nenas nunha trintena de disciplinas deportivas distintas.

Alí, durante as declaracións aos medios, Caballero anunciou ao presidente do Coruxo FC, Gustavo Falque, que o goberno que preside traballa na reorganización dos espazos do campo do Vao e polo tanto na continuación das melloras executadas, logo de que Concello e Deputación cambiasen recentemente o terreo de xogo e a iluminación.

Segundo detallou, unhas naves próximas xa foron mercadas e darán “desafogo” á entidade, mais tamén se prevé reparar o teito da bancada da tribuna e afrontar o arranxo do outro lateral, o acceso principal ao campo, “a parte máis nobre do estadio”, en verbas de Caballero.

O goberno vigués citará ao presidente do Coruxo FC para tratar a cuestión, que incluso pode afectar ás dimensións do terreo de xogo. “Aquí xoga un gran equipo e imos estar apoiando”, manifestou o alcalde, quen valorou que “imos facer no do Coruxo unha das grandes reformas dos estadios da cidade de Vigo”.

En paralelo, Abel Caballero tamén trasladou que tratou co seu concelleiro de Deportes, Manel Fernández, a asignación económica reservada para os clubs de elite da cidade, entre os que se atopa o Coruxo. O alcalde comunicou a Falque que “somos conscientes de que temos que facer unha fórmula para que o Coruxo teña un maior apoio desde o Concello e o vai ter”.

Campus

Tanto Caballero como Silva definiron o do Coruxo como “seguramente o mellor campus deportivo de toda Galicia”, unha cita que comeza o 27 de xuño con máis de seiscentos nenas e nenos inscritos en trinta disciplinas deportivas, e mais de sesenta monitores e monitoras. O alcalde animou a que “todos os chicos e as chicas se apunten” e felicitou ao club.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor o “nivel de participación altísimo” da iniciativa e que “máis da metade da rapazada que vai participar son nenas”. Silva louvou a proposta da entidade, “unha fórmula para que logo os chicos e chicas poidan escoller que deporte queren practicar”.

O presidente do Coruxo FC, Gustavo Falque, manifestou que o deste ano será “un campus moi especial tras dous anos de pandemia que nos apartou da actividade deportiva que tanto queremos” e asegurou que a súa celebración “sería imposible sen a Deputación e o Concello”. Por último, explicou que, xunto ao Club de Campo, “abrimos as nosas sedes para que o deporte sexa cada día máis importante”.

Descargar todas as imaxes