O alcalde aplaudiu a proposta pedagóxica do Colexio Divino Salvador
Abel Caballero achegouse este martes ata a nova horta escolar do centro, onde o alumnado dos distintos cursos realizou variadas tarefas relacionadas coa agricultura, desde o vermecompost ata a plantación de leitugas, aromáticas ou unha oliveira.

Na parcela, situada en Ricardo Mella, moi próxima ao colexio, o alumnado e o profesorado do Divino Salvador mostrou ao alcalde os traballos levados adiante na nova horta, desde os máis pequenos ata os maiores. As e os estudantes encargáronse do vermicompost, da plantación dunha oliveira e da agricultura, con bancais de aromáticas, leitugas e patacas, entre outros produtos, e incluso trazaron o seu propio proxecto de humanización do entorno do colexio.
“Teñen un proxecto educativo cunha horta escolar que traballa a comunidade e a verdade é que é un modelo especialmente brillante”, valorou Caballero, pola “forma de actualizar os coñecementos das e dos escolares coa agricultura e cos tempos das colleitas”. O alcalde tamén puxo en valor que o Divino Salvador participa no programa municipal de visitas á ría de Vigo a bordo do Nautilus e no Vigo Educa.



