O concerto de Bryan Adams xa despachou máis de 4.000 entradas
O espectáculo terá lugar o catorce de xullo no campo de fútbol das Travesas, detrás do pavillón, e xa vendeu máis de 4.000 pases, segundo os datos ofrecidos este martes polo alcalde. Ademais, Caballero anunciou que sairán á venda outros 2.500 boletos para quen prefira seguir o concerto sentado.
Con máis de catro mil entradas despachadas, o alcalde valorou que “o ritmo de venda é bo” para a actuación do consagrado artista canadense, única deste verán no campo de fútbol das Travesas e que se sumará á ducia de citas programadas no auditorio ao aire libre de Castrelos.
Abel Caballero augurou un concerto “extraordinario” para un aforo de once mil persoas, e anunciou a próxima saída á venda de 2.500 entradas para público que desexe presencialo sentado. O Concello coorganiza este espectáculo coa empresa X Quatro e colabora a través dun patrocinio publicitario e a cesión do espazo.
Bryan Adams é un dos cantantes e compositores máis aclamados do rock e ás súas costas ten unha carreira de máis de catro décadas de éxitos, grandes xiras internacionais, un premio Grammy e máis de 65 millóns de discos vendidos, entre outros recoñecementos.
Con este concerto, o Concello suma o campo de fútbol das Travesas a espazos de concertos como Castrelos -que este ano acollerá 12 actuacións – e o estadio municipal de Balaídos, onde Caballero xa anunciou que o ano que vén se programarán seis grandes eventos.