Vigo suma 13,4 millóns de euros de concedidos en fondos europeos
O alcalde pon en valor a repercusión na cidade dos proxectos que se acometerán con cargo a eses fondos e que “nos permitirán a máis rápida transformación que tivo nunca Vigo na súa historia”.

Segundo informou este luns o rexedor, o Concello ten solicitados outros 18,4 millóns de euros en programas que aínda están en fase de resolución, financiados pola Unión Europea - NextGenerationEU.
Vigo ten concedidos nestes momentos 13,4 millóns de euros en axudas para a implantación de Zonas de Baixas Emisións, para transformación dixital e sostible do transporte urbano e, no ámbito do comercio, case 700.000 euros para o Mercado de Teis e 400.000 mil para o de Bouzas. Amais, o goberno vigués viu aprobadas as axudas para a elaboración de proxectos piloto da axenda urbana española (250.000 euros) e para a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais con máis dun millón de euros.
Abel Caballero explicou tamén que Vigo presentou proxectos a fondos europeos por valor de 18,4 millóns de euros, que están aínda pendentes de resolución, para plans como o centro de promoción gastronómica, o miradoiro e o ascensor panorámico do Concello, a rampla mecánica do Paseo de Granada, a axuda para renaturalizar a praia de Samil, para implantar os contedores marrón para os biorresiduos ou as axudas para rehabilitación de edificios de titularidade pública como o Pazo Raposeira e o Pazo de Castrelos.
“Estamos en proceso de solicitude e consecución de fondos que nos permitirán a máis rápida transformación que tivo nunca Vigo na súa historia”, avanzou o rexedor que eloxiou a asignación de fondos por parte do goberno de Pedro Sánchez a Vigo fronte aos “cero euros da Xunta de Galicia, que non asignou nin un céntimo de fondos europeos”.



