O Concello contrata a obra da nova escola infantil da Praza da Industria por 627.000 euros
Será “unha grande escola infantil nova, nun edificio novo”, apuntou o alcalde, que sinalou a gratuidade das escolas municipais o vindeiro curso “pagadas na súa totalidade polo Concello”.
A Xunta de Goberno Local adxudicou este xoves a contratación das obras de acondicionamento que se acometerán na planta baixa e no soto do Instituto Municipal de Educación Miguel Servet para poñer en marcha unha nova escola infantil municipal, en Camiño do Chouzo número 2. Cun orzamento de licitación de 627.223 euros e un prazo estimado de obras de 4 meses, as actuacións inclúen a demolición da cuberta da zona de almacén existente, a tabiquería interior e desmonte das escaleiras existentes, un novo saneamento horizontal e nova división interior, a reparación de elementos de cuberta, a colocación de illamento e dunha cuberta de vidro no soportal de entrada, nova fontanería, baños, rede de calefacción, ventilación, electricidade e iluminación.
A nova escola infantil contará con aulas para os tres cursos: ata 1 ano, de 1 a 2 e de 2 a 3 anos) e terá sala de usos múltiples, lavandería, comedor, despensa, cociña, despachos, sala de reunións, baño adaptado, aseos, almacéns e espazos exteriores para patio de xogos e lecer dos pequenos
“Unha grande escola infantil nova, nun edificio novo”, adiantou o rexedor, que ofrecerá 57 prazas e que se suma ás nove escolas infantís de titularidade municipal: Atalaia- Teis, Bembrive, Bouzas, Mestres Goldar-Castrelos, Costeira-Saiáns, Navia, Santa Cristina-Lavadores, Tomás Alonso e a de Santa Marta-Casco Vello, que se pechará provisionalmente e volverá abrir cando se constrúa a nova no barrio do Cura. “A escola infantil é dos primeiros edificios que se van facer”, sinalou Caballero que engadiu que o vindeiro curso “tódalas escolas infantís serán 100% gratuítas, pagadas na súa totalidade polo Concello” que, amais, paga unha parte de tres escolas infantís que a Xunta de Galicia ten den Vigo.