Vigo supera as vinte peticións para celebrar fogueiras en San Xoan
Abel Caballero explicou que este venres se pecha o prazo para solicitar ao Concello a organización das cacharelas na noite do 23 de xuño, rexistrando máis dunha vintena. O alcalde confiou na recuperación este ano da tradición festiva de San Xoan, logo da irrupción da pandemia.

Este venres conclúe o período aberto polo Concello para que asociacións e entidades propoñan a celebración de fogueiras na noite de San Xoan e ata o momento, segundo citou Caballero, a cidade recibiu máis de vinte solicitudes.
O alcalde recordou que os permisos para montar cacharelas e sardiñadas nas rúas ou espazos públicos de titularidade municipal só se conceden a agrupacións debidamente constituídas como tal e non a particulares, estando vetadas en todo caso nas praias, parques e xardíns municipais.
Abel Caballero confiou en que este ano Vigo retome a tradición festiva da noite do 23 de xuño, logo de dous anos marcados pola crise sanitaria do Covid-19. Unha vez solicitadas, o Concello inspeccionará as zonas para conceder os permisos, sempre e cando se cumpran os requisitos. Entre estes se inclúe o necesario espazo mínimo de separación das cacharelas con edificios, zonas verdes, vehículos e mobiliario.