Escoitar

O Concello abre a convocatoria das axudas á instalación de ascensores en edificios

A Xerencia de Urbanismo aprobou este martes a convocatoria para outorgar axudas para a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos, que ten un importe de 100.000 euros en dous anos.

martes, 3 mai 2022
Abel Caballero na súa comparecencia en rolda de prensa
Abel Caballero na súa comparecencia en rolda de prensa

“En Vigo hai un número importante de edificios que precisan deste tipo de habilitación, que precisan reformas para trazar a accesibilidade nas vivendas e para salvar estas dificultades seguimos facendo os nosos programas”, expuxo Abel Caballero, ao informar este martes da apertura da convocatoria das axudas para o período 2022-2023.

Tal e como explicou, o programa de axudas está pensado para aquelas vivendas que non dispoñen de ascensor e nas que residen persoas de idade. O Concello destinará 100.000 euros no período 2022-2023.

O importe máximo total a subvencionar por edificio residencial colectivo é de 3.000 euros para actuacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 15 de outubro de 2023. A estas axudas poden acollerse actuacións de primeira instalación de ascensores, ramplas, plataformas elevadoras, varandas ou obras que teñan por finalidade salvar os desniveis existentes entre a beirarrúa e o portal ou entre o portal e o ascensor. Serán as comunidades de propietarios ou grupos de propietarios os que deben presentar as solicitudes tras a publicación no BOP da convocatoria.

Deporte de elite

O alcalde deu conta dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local. Aprobouse a subvención nominativa, mediante convenio, a favor do Sárdoma Club de Fútbol como entidade de elite de Vigo, pola dinamización do seu proxecto deportivo na temporada 2021-2022, que ten un importe de 23.000 euros. A entidade conta cun equipo de elite que participa na categoría primeira (1ª División Nacional Feminina G1), “un grande equipo de fútbol feminino e un valor importante”, apuntou o rexedor, para a promoción do deporte feminino vigués.

Tamén recibiu luz verde a subvención nominativa mediante convenio a favor da Asociación Deportiva Carballal, como entidade de elite de Vigo, pola dinamización do seu proxecto deportivo en 2021-2022 cun importe de 28.000 euros. O Carballal conta cun equipo de elite na modalidade de balonmán feminino na categoría segunda (División de Honra Prata Feminina). O alcalde destacou as “dúas subvencións significativas a dous clubs femininos”.

Emprego

A Xunta de Goberno Local aprobou dous convenios de colaboración co fin de xerar emprego. O primeiro, coa Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra para a organización e execución da xornada informativa “Fomento do emprendemento e a cultura empresarial do proxecto “Vigo pola inserción laboral”, que ten un importe de 4.585 euros. O segundo, coa Asociación de Empresarias de Galicia para a organización e execución da xornada informativa “Motivación e apoio a persoas con dificultades no acceso ao emprego tamén no marco do “Vigo pola inserción laboral” e co mesmo importe: de 4.585 euros, que irán destinados a mulleres emprendedores para fomentar a súa actividade no ámbito empresarial.

Caballero explicou que co programa “Vigo pola inserción laboral” “queremos promover as habilidades sociais do alumnado máis vulnerable” a través dos itinerarios formativos de comercio e márketing, hostalería e turismo, que son sectores que ofrecen unha vía importante no Concello á hora de xerar emprego.

Unicef

A Xunta de Goberno resolveu amais a subvención directa á Fundación UNICEF- Comité Español para o desenvolvemento do proxecto “Resposta de UNICEF ás necesidades humanitarias derivadas da crise de Ucraína” por un importe de 10.000 euros, que se dedicarán á atención a mulleres e nenos que atravesan dificultades por mor da guerra.

Descargar todas as imaxes