Escoitar

Vigo acollerá o concerto inaugural da xira que celebra os vinte anos de SonDeSeu

O alcalde Abel Caballero presentou esta mañá o directo que a orquestra, nada no seo da ETRAD, ofrecerá o sábado 12 de maio como apertura da súa xira de aniversario. As entradas para o concerto, que será no Teatro García Barbón, en formato acústico e sen amplificación están á venda na plataforma web www.ataquilla.com

luns, 2 mai 2022
Presentación do concerto de SonDeSeu en Vigo polo seu XX aniversario
Presentación do concerto de SonDeSeu en Vigo polo seu XX aniversario

O Concello de Vigo acolleu este luns a presentación do inicio da xira de concertos coa que a Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, un dos proxectos educativos e musicais máis senlleiros e recoñecidos do país, festexará os seus 20 anos en activo. No evento, no que participaron Abel Caballero, alcalde de Vigo, Rodrigo Romaní, director de SonDeSeu, e Xaquín Xesteira, mestre da sección de gaita e percusión, salientouse a traxectoria da agrupación, que ofrecerá esta primavera unha singular xira de celebración: catro concertos en acústico dunha orquestra de 60 músicos en espazos propios de formacións de corte clásico.

O primeiro dos directos, que será sen amplificación, terá lugar en Vigo, na propia cidade na que agromou SonDeSeu. A cita será o sábado 12 de maio, no Teatro Afundación, ás 20:30 horas. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a SondeSeu no nome da cidadanía de Vigo "por este traballo tan excepcional, de música de magnífica calidade", á vez que definiu a cidade como "unha gran fábrica de música". Pola súa banda, Rodrigo Romaní puxo en valor a traxectoria dun “proxecto pioneiro en Galicia que é tamén un referente para outras orquestras folk en Europa”. Finalmente, e en relación ao concerto inaugural que abrirá esta xira, Xaquín Xesteira subliñou as singularidades acústicas do evento e lembrou que será “unha oportunidade única para repasar os mellores éxitos de SonDeSeu como non soaron nunca antes”.

O seguinte espectáculo será o 21 de maio, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa no mes de xuño, SonDeSeu actuará no Teatro Colón (3 de xuño) da Coruña e no Auditorio de Galicia (18 de xuño) de Santiago de Compostela. As entradas para poder gozar destes directos, posibles grazas á colaboración dos concellos de Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela, están á venda na web www.ataquilla.com.

Tradición cargada de futuro

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.

Descargar todas as imaxes