Escoitar

A Vigo Cup 2022 prevé 4.600 participantes de 270 equipos de fútbol co regreso do público aos partidos

O alcalde deu a coñecer este venres os detalles dunha nova edición do torneo que organiza o Concello entre o 27 de xuño e o 10 de xullo e que reúne as modalidades de fútbol sala, fútbol 7 e fútbol 11. A inscrición é gratuíta e o público poderá presenciar os encontros desde as gradas.

venres, 29 abr 2022
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O Concello de Vigo organiza un ano máis a Vigo Cup 2022, que desde o ano 2017 se configura como “unha gran manifestación deportiva; unha inmensa manifestación deportiva” con dúas semanas de competición que se desenvolverán entre o 27 de xuño e o 10 de xullo nas tres modalidades: fútbol sala, fútbol 7 e fútbol 11.  

Abel Caballero trasladou que a previsión municipal é acadar os 4.600 participantes, nenas e nenos, distribuídos en 200 equipos de fútbol 7 e fútbol 11, con 3.500 participantes, e 70 equipos de fútbol sala con 1.100 participantes na modalidade de fútbol sala. “Convidaremos á competición a clubs de Vigo, Redondela, Porriño, Ponteareas, concellos do Val Miñor e do Baixo Miño. É trataremos de que regresen equipos de Portugal e dalgunhas outras comunidades autónomas”, sinalou coa pretensión de “superar as previsións porque hai moitas ganas de facer deporte”.

A Vigo Cup 2022 ofrece a inscrición de xeito gratuíto, da mesma maneira que o verán pasado. O Concello asumirá o custo do evento porque “non queremos que razóns económicas sexan un impedimento para a participación dos equipos”, explicou Caballero.

Outro dos cambios importantes respecto a 2021 é o regreso do público ás bancadas dos campos de fútbol e dos polideportivos municipais, dado que daquela a normativa sanitaria prohibía a súa asistencia.  

Descargar todas as imaxes