Vigo acolle o XXXII Congreso da Sociedad Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), “un dos máis importantes que acolleu a cidade na súa historia”
O alcalde presentou este xoves o evento, que se celebra os días 8, 9 e 10 de xuño, e que contará con preto de 4.000 congresistas e supoñerá un impacto económico de 8 millóns de euros para a cidade.
A Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (SEMES) presentou esta mañá a súa XXXII Congreso Nacional de Urxencias e Emerxencias SEMES 2022, que se celebrará no Palacio de Congresos Mar de Vigo os próximos días 8, 9 e 10 de xuño e contará coa participación de preto de 4.000 congresistas.
O alcalde recibiu aos responsables do comité científico e organizador do evento e agradeceulles elixir Vigo como sede para este encontro. “Estamos ante un dos congresos máis importantes que recibiu Vigo na súa historia e supón unha gran mobilización para a economía da cidade”, destacou Caballero, á vez que encomiou o gran labor dos urgenciólogos: “O traballo que realizades dános unha enorme seguridade e especialmente durante a pandemia foi excepcional”, asegurou.
Vigo será durante tres días “capital europea da Medicina de Urxencias e Emerxencias”, indicou Jose Manuel Fandiño, presidente do Comité Organizador e presidente de SEMES Galicia. De feito, o congreso posiciónase como un dos máis importantes de Europa en Urxencias e Emerxencias e recibirá a preto de 4.000 profesionais que poñerán sobre a mesa os principais desafíos aos que se enfrontan. “Sempre apostamos porque sexa esta a cidade que nos acolla e o noso congreso supoñerá un impacto económico para Vigo, pois o gasto directo estímase en 8 millóns de euros”, destacou.
Reunidos baixo o lema “Mar de talento. Faro de especialidade”, os congresistas realizarán un total de 141 actividades, 73 talleres, 52 mesas e 16 cursos precongresuais e presentarán máis de 3.000 comunicacións científicas. Segundo explicou Maite Maza, presidenta do comité científico, “o noso obxectivo é xerar ciencia”. Ademais, a SEMES
quere achegar o seu traballo á sociedade e farano a través de talleres de primeiros auxilios para escolares e charlas sobre como detectar o ictus, entre outras.
Por outra banda, o 9 de xuño terá lugar en Vigo un simulacro de catástrofe marítima coa participación de máis de 100 especialistas e unha trintena de vítimas que contará coa participación das Forzas Armadas entre Garda Civil, Policía Nacional e Policía Portuaria. “Será moi vistoso xa que o gravaremos con máis de 25 cámaras e drons e estamos seguros de que servirá para enxalzar o noso labor e a Vigo”, apuntou Fandiño.
Pola súa banda, o doutor Tato Vázquez, presidente de SEMES, lembrou que a Medicina de Urxencias Emerxencias é unha especialidade recoñecida en
Europa que se basea nos coñecementos, nas competencias e na experiencia. “En España temos a sorte de contar con grandísimos profesionais e
queremos que este Congreso sirva para render homenaxe aos servizos e á poboación que confiou en nós en tempos tan difíciles, cando fomos un dique de contención contra o medo e a morte”.