Escoitar

O goberno de Vigo financia cada ano 5.000 bolsas de libros e comedor para o alumnado da cidade

Abel Caballero informou este venres da aprobación do convenio de colaboración cos centros educativos para a xestión das bolsas de comedor e de libros para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.

venres, 29 abr 2022
O rexedor ofrece declaracións
O rexedor ofrece declaracións

Tal e como recolle o documento aprobado pola Xunta de Goberno Local, o convenio ten unha vixencia de 4 anos, con posibilidade de 2 prórrogas de 1 ano e permitirá continuar coa política municipal de axudas ao alumnado da cidade. No último curso o Concello adxudicou 1.360 bolsas de libros e 3.051 de comedor desde a área de Política Social ás que cómpre sumar as que se conceden a través do convenio con Foanpas, ata un total de “5.000 bolsas anuais pagadas polo Concello, que é unha obriga estatutaria da Xunta de Galicia e non as paga”, censurou o rexedor.

Axudas de emerxencia

O alcalde referiuse á “importantísima política social” do Concello que, no primeiro trimestre do ano, concedeu axudas de emerxencia por un importe de preto de 200.000 euros, das que 377, case o 60%, foron destinadas a pagar alugueiros, hipotecas e aloxamentos de persoas vulnerables. “Onde temos máis demandas é para pagar vivenda e con elas evitamos desafiuzamentos. Mentres dependa de nós estaremos sempre ao carón das familias desafiuzadas con carencia de recursos para permitirlles que sigan na súa vivenda”.

Descargar todas as imaxes