O alcalde anima aos colexios vigueses a participar nas viaxes pola ría a bordo do Nautilus
O Concello iniciou este luns os percorridos didácticos pola ría de Vigo cos que os escolares de 6º de Primaria poderán “afondar no coñecemento” do medio mariño grazas ao programa municipal.

Abel Caballero saudou no Nautilus ao alumando de tres centros educativos da cidade (Ceip Chans Bembrive, Ceip Eduardo Pondal e Ceip Pintor Laxeiro), 108 nenas e nenos, antes de comezar a travesía a borde deste buque científico dotado de alta tecnoloxía.
A experiencia “merece a pena e queremos levar a tódalas nenas e nenos desta idade a esta actividade de ocio extraordinaria e moi formativa”, apuntou o rexedor, que dixo ter comprobado como a maioría do alumnado non tivera a oportunidade de ir en barco ata o de agora. Así, avanzou que o obxectivo é manter o desenvolvemento deste programa e potenciar que se sumen á iniciativa os centros educativos da cidade.
O alumnado, nun percorrido dunha hora de duración, ten a oportunidade de coñecer o funcionamento, formación e produtividade da ría de Vigo e a inmensa riqueza das súas augas, o funcionamento do Nemo, un ROV submarino (vehículo non tripulado) que ofrece imaxes en calidade 4 K, que permiten ver o fondo da ría ou os mexillóns nas bateas, comproban como se utiliza unha mostra de plancto vivo, como é a inmersión co robot subacuático para visualizar o cultivo do mexillón e identificar as especies de fauna e flora que se vexan durante a inmersión.