Escoitar

O Marisquiño competirá co Basket 3x3 na Praza de Vialia

Abel Caballero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os organizadores de festival, acompañados tamén polo director do C.C. Vialia anunciaron que o Basket 3x3 do festival de deporte urbano desenvolverase na nova praza: “O Marisquiño ten que ter unha visión de conxunto da cidade”, declarou o rexedor.

martes, 3 mai 2022
O alcalde na presentación do Basket 3x3 de O Marisquiño en Vialia
O alcalde na presentación do Basket 3x3 de O Marisquiño en Vialia

O Concello, a Deputación e O Marisquiño deron a coñecer que o Basket 3x3 desenvolverase na nova praza de Vía Norte. Dentro da expansión de O Marisquiño por toda a cidade e tras anunciar que o Skate volve á Praia de Samil, agora tócalle a quenda ao Basket 3x3, unha disciplina cada vez máis popular no evento.

Para o alcalde O Marisquiño é “o deporte urbano por excelencia e este ano imos impulsalo, para darlle unha visión de conxunto da cidade e por iso seleccionamos outros ambientes, como o Skate en Samil e agora o Basket 3x3 na Praza de Vialia”

Caballero quixo louvar ao Marisquiño: “É o certame máis importante de deporte urbano no verán en Europa e queremos que sexa o mellor do mundo, e niso estamos a traballar. É o noso obxectivo”, afirmou.

A nova estación de ferrocarril é un nó de transportes e de chegada do público máis novo a Vigo desde toda Galicia e do resto de España, polo que é un lugar estratéxico para o festival; ademais, fíxose un esforzo importante por dotar á cuberta de infraestruturas de deportes urbanos accesibles e gratuítos para toda a cidadanía, especialmente o máis novas, consolidando a Vigo como a capital dos deportes urbanos do noso país grazas ás súas numerosas infraestruturas públicas.

“Fai cinco anos isto era un buraco. Hoxe tempo un espazo tan importante para a cidade, cun gran centro comercial, unha gran estación de trens e esta praza chea de vida e posibilidades. Gañamos novos espazos para o ocio, o deporte, a vida saudable, para o paseo das familias...”, declarou no acto.

Esta nova localización de toda unha proba FIBA proxectará unha imaxe da cidade urbana, nova e moderna e favorecerá tamén a economía circular, levando o retorno económico que xera o evento a outros barrios da cidade conectados co público máis urbano, máis novo e máis dinámico.

Cabe lembrar que a proba será clasificadora para competir nun torneo Challenger 2022. Que terá categoría masculina e feminina e que serán 24 os equipos que competirán ao máis alto nivel e buscarán alzarse co premio final nun escenario único e cun público entregado que poderá gozalo desde unhas bancadas especiais (asistencia gratuíta) e con servizos de restauración.

O alcalde na presentación do Basket 3x3 de O Marisquiño en Vialia
Descargar todas as imaxes