Escoitar

O goberno de Vigo licita o ascensor HALO e data para verán o inicio das obras

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o expediente de contratación da obra, que presenta un orzamento de 12.676.000 euros, dos que case seis millóns proceden de fondos europeos aprobados polo Goberno de España. O proxecto prevé doce meses de obras.

venres, 1 abr 2022
Abel Caballero, xunto a Javier Pardo e María José Caride, na presentación en febreiro de 2021 do HALO como proxecto gañador do concurso de ideas.
Abel Caballero, xunto a Javier Pardo e María José Caride, na presentación en febreiro de 2021 do HALO como proxecto gañador do concurso de ideas.

O alcalde puxo data este venres ao comezo do ano de obras para erixir o ascensor circular que unirá García Barbón co teito do Vialia: este verán. Anunciouno logo de ser aprobado os pregos de condicións e aberto o proceso de licitación pública que concluirá na adxudicación dos traballos á empresa que presente a mellor oferta.

A complexidade da obra e do procedemento, explicou Caballero en rolda de prensa, obriga a tramitar un contrato harmonizado que será publicado en boletíns europeos e contempla un período para eventuais recursos especiais. Sen contratempos, a previsión municipal é que as obras poidan comezar no verán.

O HALO é a proposta gañadora do concurso arquitectónico de ideas lanzado polo Concello de Vigo para unir García Barbón (entre as torres do Club Financeiro e o CEIP García Barbón) con Vía Norte a través da praza superior do Vialia. Unha vez elaborado o proxecto construtivo, o orzamento elevouse ata os 12,6 millóns, polo incremento dos custos das materias primas e en particular do aceiro e do vidro, elementos básicos neste deseño, segundo recordou o alcalde.

No tocante ao financiamento do elevador, Abel Caballero puxo en valor que esta obra recibiu 5.990.000 euros de fondos europeos repartidos polo Goberno de España a través do Programa para a implantación de zonas de baixas emisións. O HALO será “un fito na forma de ver esta cidade desde todo o mundo”, manifestou Caballero, “porque imos ter o ascensor, en ámbitos públicos, máis importante de ningunha cidade do mundo. E para isto o Goberno de España nos paga a metade do custo da obra. Estamos contentos”.

“Estamos poñendo en marcha a obra civil e arquitectónica máis complexa e seguramente máis importante que se fixo nunca na cidade de Vigo”, asegurou, “un ascensor de cincuenta metros de altura que recorre, nunha plataforma de máis de cen metros, espazo por encima da autoestrada”.

“Isto é recuperar a cidade de Vigo”, engadiu Caballero, “porque a autoestrada rompeu a cidade e empezamos a recuperar a cidade e a unión entre as dúas zonas da cidade, salvando un desnivel de cincuenta metros”. O obxectivo é conectar as áreas de García Barbón e Areal coas de Vía Norte e Urzáiz.

Mestres Goldar

Outro dos asuntos validados este venres pola Xunta de Goberno Local foi a adxudicación da xestión da escola infantil municipal de Mestres Goldar, un contrato por catro anos e importe total de case 900.000 euros. Caballero valorou que esta é un dos cinco centros municipais para nenos e nenas de cero a tres anos abertos baixo o seu mandato, dos nove que actualmente están operativos e está en obras unha máis, na Praza da Industria.

O goberno de Vigo adica 2.338.000 euros ao funcionamento das escolas infantís municipais e oferta 674 vacantes para o próximo curso. O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de abril, coa principal novidade da gratuidade total do servizo para as familias, incluído o custo do comedor escolar, o que non acontece nas da Xunta de Galicia, segundo afirmou o alcalde.

Descargar todas as imaxes