Escoitar

O Concello súmase ao Día da Concienciación do Autismo

O alcalde achegouse ao acto organizado pola Fundación Menela nas escaleiras do MARCO para reivindicar “unha viaxe feliz na vida para as persoas afectadas polo TEA e para as súas familias”.

venres, 1 abr 2022
O alcalde na súa intervención polo Día de Concienciación do TEA
O alcalde na súa intervención polo Día de Concienciación do TEA

O 2 de abril conmemórase o Día da Concienciación do Trastorno do Espectro Autista. Abel Caballero achegouse ao acto organización pola Fundación Menela fronte ao MARCO no que este ano o lema é “unha viaxe feliz na vida”.

O alcalde sumouse ao tren no que as asociacións, os usuarios e as súas familias reivindican buscar visibilidade e dar voz as persoas con TEA: “Temos que apoiar e concienciar dando a coñecer o TEA, apoiar ás persoas e axudar ás familias”, afirmou o alcalde.

Caballero sinalou a importancia de “remar conxuntamente” neste ámbito e reclamou trasladar ás cidades a dimensión social de eliminar o estigma e tratar que a cidade se mova colectivamente en favor das persoas con autismo. “É necesario que as persoas con TEA teñan a vida máis fácil”, subliñou.

O alcalde lembrou que todos os pequenos detalles suman e son “simbólicas”, como a acción do goberno local de encher con máis de 200 pictogramas as dependencias municipais.

Manifesto completo

Estímase que ao redor de 7 millóns de persoas teñen Trastorno do Espectro do Autismo en Europa. A campaña “Unha feliz viaxe pola vida”, promovida por Autismo Europa e as súas entidades membro, quere facer chegar á sociedade as necesidades e os desexos das persoas con autismo e as súas familias en relación a cuestións clave, que inciden de forma directa sobre a súa calidade de vida; a detección precoz e a atención temperá, a educación, o emprego, o apoio adecuado para a inclusión na comunidade, o respecto as súas preferencias individuais e  a construír unha vida independente, así como unha atención socio-sanitaria adecuada e específica, en todas as etapas da vida.

Este manifesto destaca algunhas das areas clave para que as persoas con autismo e as súas familias, poidan gozar dos seus dereitos ao longo da súa vida, en liña coa Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Para iso, requírese un enfoque integral en todas as políticas públicas e a coordinación das distintas administracións implicadas, que promova a participación activa das persoas con autismo e as súas familias, tanto a nivel nacional como na Unión Europea.

Detección e diagnóstico:

A detección precoz é a primeira porta para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA. No Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, o movemento asociativo reclama unha valoración diagnóstica especializada; a incorporación de ferramentas de detección precoz dos TEA na vixilancia rutineira do desenvolvemento infantil; e mecanismos de coordinación dos servizos de diagnóstico entre todos os territorios.

Atención temperá:

Unha atención temperá específica e especializada é esencial para favorecer o desenvolvemento e a calidade de vida dos nenos e nenas con autismo, ao mesmo tempo que favorece o benestar emocional das súas familias. Debemos impulsar a coordinación dos recursos dos tres sistemas implicados (Servizos Sociais, Educación e Saúde), dotándolles de medios adecuados e suficientes.

Educación:

As persoas con TEA temos dereito a unha educación de calidade que nos permita aprender e desenvolvernos na sociedade; unha educación flexible que responda as nosas necesidades e preferencias. Pedimos impulsar políticas de prevención de situacións de abuso e acoso escolar, para o que resulta imprescindible que, desde as aulas, se fomente e transmita o respecto á diversidade, para concienciar que “todos somos diferentes”.

Vida adulta:

Cando chegamos a idade adulta, as persoas con TEA necesitamos apoios para acceder e manter o emprego. Necesitamos unha modificación normativa que garante a nosa consideración como colectivo que presenta unha alta vulnerabilidade laboral, fomentando o emprego con apoio, e implantar entornos laborais seguros, participativos e accesibles.

Ademais reclamamos a igualdade de acceso a atención médica para as persoas con Autismo, para o que precisamos entornos sanitarios accesibles y adaptados. E importante promover a formación entre os profesionais sanitarios sobre o TEA.

Envellecemento:

Temos que incrementar o coñecemento sobre os procesos de envellecemento das persoas con TEA, promovendo sistemas de apoio especializados que garantan un envellecemento activo e unha óptima calidade de vida nesta etapa do ciclo vital. Tamén apoiar e dar cobertura ás familias, especialmente pais e nais que, sendo o gran apoio das persoas adultas con TEA, experimentan en paralelo os seus propios procesos de envellecemento.

Finalmente, nun momento no que Europa enfróntase á guerra de Ucraína e as súas tráxicas consecuencias, tamén é fundamental lembrar que se deben respectar e protexer os dereitos das persoas especialmente vulnerables, como son as persoas con TEA, en situacións de crise humanitaria, incluídos os conflitos armados.

O alcalde na súa intervención polo Día de Concienciación do TEA
Descargar todas as imaxes