Escoitar

"Indisciplinados", unha reflexión sobre a fronteira entre a arte e o deseño, no Marco

O Marco inaugura o 11 de xullo "Indisciplinados", unha mostra colectiva de producción propia sobre as fronteiras da linguaxe creativa, os lindes da arte e do deseño, na creación española de finais do século XX e inicio do XXI. É unha exposición única no territorio español, que se inscribe no conxunto de actividades que configuran o Ano do Deseño 2003.

mércores, 9 xul 2003
1057743066indisci1.jpg
Imaxes expostas
Nos últimos tempos xurdiu en todo o territorio español unha nova xeración de artistas e deseñadores que traballan en ámbitos creativos nos que a arte, o deseño e maila arquitectura se contaminan e fusionan entre si para dar lugar a obras de arte que cuestionan o concepto de autoría, o trazo de autor ou a "aura" da obra de arte: con frecuencia son obras creadas por colectivos, en colaboración con deseñadores ou arquitectos, ou ben realizadas mediante procesos de fabricación industrial e xeralmente están producidas en serie.

A experimentación creativa do século XX empregou as tecnoloxías máis diversas, facilitando a hibridación das linguaxes e diluíndo as fronteiras disciplinares. Estamos, unha vez máis, ante a vontade de zarandear as convencións da arte tradicional, usando estratexias atípicas e aceptando produccións doutros eidos.

Un momento no que calquera medio é útil: arte editable/deseño non producible, arte mecanizada/deseño manufacturado. Trátase da indisciplina, nun lugar no que os compartimentos estancos xa non nos achegan a ningunha verdade; quizáis o cruce e mailo mestizo nos axuden a recoller o pulso do momento. Un discurso, este, que se resiste ás convencións de xénero, que emprega recursos múltiples e responde mal ás clasificacións tradicionais.

Os cruces entre as artes visuais e o deseño teñen unha tradición suficientemente recoñecida, especialmente dende Andy Warhol. Este desprazamento das preocupacións dos artistas cara a cuestións aparentemente máis formais ou banais non é casual, nin anecdótico. Detrás diso agáchase unha aproximación cara a temas e cuestións que ata hoxe foran relegadas a eidos de investigación propios doutras disciplinas como a socioloxía, a psicoloxía, o urbanismo ou o marketing: as referencias ó "marquismo" (como se denomina en socioloxía a influencia das "marcas" nos hábitos de consumo, sobre todo nos adolescentes), á "cultura de club" e maila súa presencia na formación de modos de representación de certas tribos urbanas; á análise do deseño gráfico, industrial ou de logotipos como elementos de recoñecemento, de marketing comercial, de control dos comportamentos de grupo e, por riba de todo, como vehículos de representación das clases sociais; e, por último, a reflexión sobre a moda como medio de exteriorización e posta en escena de certos valores culturais.

De aí o título da exposición: Indisciplinados. Non só porque son artistas difíciles de clasificar dentro das disciplinas preestablecidas na arte, ou nalgúns dos seus movementos artísticos, senón porque se inmiscen en territorios que ata hoxe lles estaban vedados.

A creadora e profesora de Pintura da Universidade de Barcelona, Nuria Gual, é a comisaria da exposición.
Descargar todas as imaxes